Lugo,
Santiago de Compostela
A Universidade de Santiago de Compostela convoca, para o 2º semestre do curso académico 2024-2025, sesións de conversa a través do Centro de Linguas Modernas nos campus de Santiago e Lugo. En concreto, impartiranse conversas en liña de checo, francés e inglés nos niveis intermedio e avanzado. As destrezas orais que se traballarán corresponden aos niveis B1, B2 e C1 do MECRL. Non terá que realizar un test de nivel previo o estudantado que xa está matriculado nun curso do mesmo idioma no CLM. Nos restantes casos, é preciso realizar un test de nivel previo á matrícula que se formalizará dende a páxina web do CLM. O prazo para a inscrición no test de nivel permanece aberto ata o 12 de marzo e a matrícula na actividade ata o día 17 do mesmo mes.
Delf
As persoas que desexen acreditar os seus coñecementos de francés poden facelo a través da proba oficial DELF. O Diplôme d’études en langue française (DELF) é unha certificación oficial internacional do Ministerio de Educación Nacional de Francia, para acreditar as competencias en francés dos primeiros niveis do MECRL A1, A2, B1 e B2. No CLM, tanto no campus de Santiago coma no campus de Lugo, poderanse realizar os exames oficiais do DELF correspondentes ao nivel B1 e ao nivel B2. A inscrición para a convocatoria correspondente ao mes de xuño estenderase do 1 de marzo ao 11 de abril de 2025.