«As Desterradas» estréase co apoio da Xunta á creación escénica no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2025

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, visitou no Teatro Principal de Santiago o equipo de Producións Teatrais Excéntricas, que está a ultimar As desterradas, espectáculo que se estrea este venres nese mesmo escenario como parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios e de Compostela Cultura. O proxecto contou cunha subvención á creación escénica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para levar ás táboas a peza homónima de Carme Varela, premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais na súa edición de 2020.

En As desterradas, que chega ao seu encontro co público con todas as localidades esgotadas para as súas dúas primeiras funcións na capital de Galicia, Quico Cadaval dirixe un elenco que integran Belén Constenla, Melania Cruz, Rocío González, Rebeca Montero, Patricia Vázquez e Víctor Mosqueira. A obra, cualificada como “thriller conventual”, aborda o acontecido a comezos do século XVI no mosteiro de Albeos, na beira fronteiriza do Miño, cando a súa pequena comunidade de monxas se ve ameazada pola cobiza da xerarquía eclesiástica da época e se chega a enfrontar á coroa de Castela e ao papado.

Deja un comentario