A Universidade de Santiago comeza co seu programa de actividades culturais e reivindicativas para conmemorar o 8M Día Internacional das Mulleres, que terá o seu acto institucional central o luns 10 ás 12.00 horas en Fonseca. Nesa xornada pública, que presidirá o reitor, recoñecerase o programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ e a súa coordinadora e profesora da Área de Física Aplicada da USC, Encina Calvo Iglesias, pola súa traxectoria en prol da igualdade de xénero na USC. Paralelamente, a Comisión de Igualdade de Lugo fai un chamamento a acudir á lectura pública do manifesto ás 12:00 diante da Biblioteca Intercentros.
Mais xa dende este mércores 5 os distintos centros universitarios comezan coa súa programación reivindicativa. Así, a comisión de actividades culturais, igualdade, normalización lingüística e participación estudiantil da Facultade de Xeografía e Historia organiza xunto co CGAC unha visita guiada por Mar Caldas á exposición ‘Mulleres, traballo e memoria’. Pola súa banda, a comisión de Xénero da Facultade de Filosofía xunto coa Asemblea de Estudantes convida ás 11.00 horas á ‘mullerenaxe’ mensual no vestíbulo do centro, coa actualización da listaxe de vítimas da violencia de xénero e a inauguración da instalación ‘Senta na cadeira a unha filósofa’.
6 de marzo
Xa o xoves 6 o CIFEX, a comisión de Igualdade da Facultade de Filoloxía e a Asociación de veciñas de Vite organizan ás 19.00 horas no salón de graos da Facultade de Filoloxía unha proxección dun audiovisual sobre a performance Re sistencias da artista Ana Gesto.
7 de marzo
‘Avances, loitas e desafíos no camiño cara á equidade de xénero’ é o título da mesa redonda que organizan o comité de xénero e a dirección de iMATUS para o venres 7 ás 17.00 horas na que participarán a xuíza Ana López-Suevos Fraguela, a catedrática Laura Lojo Rodríguez, o profesor da USC Jorge García Marín e a investigadora Lorena Maneiro Boo.
Tamén o venres, ás 17.30, o Arquivo Universitario presenta o proxecto ‘Pioneiras da USC: un proxecto web e dúas biografías’, un repositorio que pretende divulgar as biografías das mulleres que foron relevantes nos estudos universitarios ben como estudantes, docentes ou investigadoras, ao tempo que permite dar a coñecer a través dos documentos dixitalizados de acceso público o rico patrimonio documental custodiado tanto nos arquivos das distintas Universidades como nos Arquivos Estatais.
10 de marzo
O programa de actividades continúa o 10 de marzo coa segunda edición do mural Homenaxe a Mulleres destacadas no ámbito das RRLL e RRHH que organiza a Facultade de Relacións Laborais, e coa entrega de premios do IX Concurso de TFG sobre Enxeñaría e Muller Rural que se desenvolverá ás 12:30 horas na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Lugo.
Ese mesmo día a Facultade de Filosofía organiza ás 11.00 horas a procesión performativa con Concepción Arenal ‘Filósofas á rúa’ con lectura do manifesto e a continuación a proxección e cinefórum da película As sufraxistas. Xa o día 11 ás 16.30 horas terá lugar o obradoiro colaborativo de carteis ‘As filósofas que nos fan falla’ que dous días máis tarde se colocarán nas paredes da facultade.