O proxecto DIGILARE avanza na análise comparada dos desafíos do traballo dixital e a dixitalización das relacións laborais

A USC participa no consorcio DIGILARE, cuxo obxectivo é proporcionar unha análise comparada de como os sistemas nacionais de relacións laborais responden a nivel da empresa aos desafíos vinculados ao traballo dixital e á dixitalización das relacións laborais. O proxecto, liderado polo profesor de Dereito da USC José María Miranda Boto e a profesora Elisabeth Brameshuber, da Universidade de Viena, acaba de celebrar o seu segundo seminario transnacional en Budapest. Na reunión tamén participaron Yolanda Maneiro Vázquez e Lidia Gil Otero, tamén da área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC.  

O consorcio está integrado por tres beneficiarios (Universidade de Santiago de Compostela, Universität Wien e ASTREES) e 15 membros asociados. O equipo está composto por 23 investigadores/as, procedentes de 15 países (14 Estados membros e Turquía). O seminario celebrado en Budapest permitiu presentar as investigacións realizadas polos membros do equipo centradas nos modos dixitais de información e consulta ao dispor dos representantes dos traballadores e os empresarios. Ademais presentáronse os resultados sobre os contidos dixitais da negociación colectiva e a información e consulta que se realiza dentro da empresa. Neste ámbito, a profesora Yolanda Maneiro Vázquez, ocupouse da elaboración e defensa do informe de síntese relativo ao dereito á desconexión dixital dos traballadores.

No seminario participaron como convidados tanto persoal académico como axentes sociais de 13 Estados membros da Unión Europea e de Turquía. No segundo grupo, asistiron representantes de alto nivel, entre outros, dos sindicatos CCOO e UGT (España), IG-Metall (Alemaña), Solidarnosc (Polonia), União Geral de Trabalhadores (Portugal) ou a Unión de Xornalistas de Turquía, e, a nivel transnacional, a Confederación Europea de Directivos (CEC). Pola parte empresarial, houbo representación da organización internacional BusinessEurope e de organizacións de empregadores de Austria, Polonia, Portugal e Romanía.

O proxecto DIGILARE, cofinanciado pola Comisión Europea, está dotado con máis de 390.000 Euros, procedentes da liña especial de financiamento de fomento do diálogo social. A súa próxima actividade terá lugar en Santiago de Compostela os días 11 e 12 de setembro de 2025, coa celebración do seu Congreso de clausura, no que se espera un centenar de participantes, tanto académicos como axentes sociais e representantes das distintas Administracións laborais de Europa.