Ourense, 28 de febreiro de 2025
O director xeral de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiron hoxe á saída da terceira etapa da volta ciclista O Gran Camiño, que conta co apoio de Turismo de Galicia. A xornada consiste nunha contrarreloxo individual, na que os participantes percorreron os 15,5 quilómetros que separan a Ponte Romana de Ourense co Pereiro de Aguiar. Xosé Merelles salientou que “este tipo de eventos constitúen oportunidades estratéxicas para a promoción e a posta en valor do destino”.
Na súa cuarta edición, o Gran Camiño suma unha nova etapa para chegar aos 635 quilómetros. Trátase do primeiro traxecto internacional da proba, que percorreu o mércores 26 de febreiro 190 quilómetros polo norte de Portugal, con saída en Maia e chegada a Matosinhos. A carreira segue nas catro etapas seguintes o formato clásico dunha provincia por xornada. En cada unha das rutas séguense de xeito parcial algún dos tramos dos distintos Camiños de Santiago.
En concreto, esta terceira etapa tomou a saída na Ponte Romana de Ourense, situada na Vía da Prata. A do xoves realizou un percorrido entre Marín e A Estrada, en Pontevedra, cruzándose cos Camiños Portugués e de Inverno. A de mañá sábado circulará polas zonas de alta montaña da provincia de Lugo, partindo de A Pobra do Brollón para chegar a Pedrafita do Cebreiro e pasando polos Camiños de Inverno e Francés. A quinta etapa desenvolverase na provincia da Coruña o domingo 2 de marzo entre Betanzos e a capital galega, Santiago de Compostela.
Aposta pola internacionalización
A celebración do certame supón un escaparate para os atractivos turísticos da rexión, especialmente das súas paisaxes naturais e das facilidades para a práctica de modalidades de turismo deportivo ou activo. O pasado ano, o evento foi retransmitido a 170 países, co que permite presentar Galicia a novos públicos internacionais.
Enmárcase na aposta pola internacionalización marcada nos obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que ten un aliado no Camiño de Santiago -onde o ano pasado máis da metade dos peregrinos eran estranxeiros-, e que é parte esencial da proba.