Os Encontros Fotográficos da Primavera Cultural da USC botan a andar o vindeiro 7 de marzo con Paula Quiroga Rodríguez como protagonista. A cita que terá lugar no Pazo de Montenegro, a partir das 17.00 horas, desenvolverase baixo o lema ‘Da palabra á imaxe’ e nela a fotógrafa compartirá o seu proceso de traballo, no que o estudo e a investigación lle axudan a definir a forma visual das súas imaxes. Quiroga é directora de fotografía e xornalista, especializada en documentalismo. Membro do colectivo fotográfico Ollo, na actualidade compaxina a dirección de fotografía en proxectos documentais e de ficción, destacando o seu traballo en Ulises (2023), de Félix Brixel.
O Encontro con Paula Quiroga será o primeiro dun programa xa consolidado dentro das actividades deseñadas ao abeiro da Primavera Cultural da USC. Así, baixo o título ‘Construír a paisaxe’, o Pazo de Montenegro recibirá, o 21 de marzo, o relatorio de Catara Rego ao que lle seguirán Tono Arias (22 do mesmo mes), Vicente Fraga (28 de marzo) e Jesús Madriñán (4 de abril). As persoas que desexen asistir a estes Encontros poden solicitar praza a través do enderezo electrónico cultura.lugo [at] usc.gal (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]gal) ou nos teléfonos 982 82 15 13 ou 982 82 15 11.
Na Calzada
Ata o 7 de marzo tamén é posible enviar propostas a ‘Na Calzada’, un programa que dá cabida a novos talentos musicais, xa consolidados ou en fase de formación, a fin de que poidan presentar a súas respectivas creacións. Esta é unha actividade complementaria do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ que o vindeiro 10 de marzo, ás 20.15 horas, na Casa do Saber, acollerá a actuación do coro do IV ciclo da USC.
Estas iniciativas enmárcanse dentro da programación artellada ao abeiro do convenio que desenvolven a USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.