Lucrezia López, nova directora do Centro de Estudos Turísticos da USC

Santiago de Compostela

A profesora de Análise Xeográfica Rexional no Departamento de Xeografía Lucrezia Lopez será a nova directora do Centro de Estudos Turísticos da USC (CETUR) logo de que esta semana o Consello Científico do centro a propuxese por unanimidade. Dese xeito, Lopez convértese na primeira muller que ocupa este cargo.

Para afrontar este mandato, a nova directora márcase cinco piares sobre os que xirará a súa xsestión e que teñen que ver con investigación e I+D+i; internacionalización; Colaboración público-privada e creación de rede; formación, e divulgación e comunicación.

Lucrezia Lopez 
A nova directora do CETUR é membro do grupo de investigación ANTE e as súas principais liñas de investigación son o Camiño de Santiago e os itineraios culturais, a xeografía do turismo e do patrimonio, e a xeografía social e cultural.

A súa experiencia no ámbito académico e de xestión supón un gran activo para o centro, do que foi secretaria dende 2021. Na actualidade é coordinadora académica na USC do mestrado interuniversitario en Desafíos das Cidades (UNISF) e secretaria da Comisión Académica Interuniversitaria deste título. Ademais, desempeña outras tarefas como tesoureira da Xunta de Goberno da Delegación Galega do Colexio de Xeógrafos, vogal da Xunta de Goberno Nacional do Colexio de Xeógrafos, e Secretaria do grupo Pensamento Xeográfico da  Asociación Española de Geografía (AGE).

O CETUR 
O CETUR, con sede no Idega, é un proxecto interdisciplinario que conta coa participación e o apoio activo de institucións e organismos extra-universitarios que representan os intereses da sociedade. É fundamentalmente un centro de formación, estudo e investigación dedicado á análise dos aspectos económicos, sociais, territoriais e ambientais do turismo nos planos local, galego, nacional e internacional.

A través dunha xestión centrada na investigación, na formación, na internacionalización e na colaboración, Lucrezia Lopez aposta por un CETUR que poida consolidarse como centro dos estudos turísticos. O seu compromiso coa investigación e formación, e co desenvolvemento do turismo como motor de progreso económico e social serán os imperativos dese mandato.