O equipo de natación da Universidade de Santiago fíxose co ouro este martes no Campionato Galego Universitario que se desenvolveu no Campus de Ourense da Universidade de Vigo coa participación de máis de 70 deportistas. A esta competición, que forma parte da 27ª edición dos Campionatos Galegos Universitarios, a Universidade de Santiago acudiu cun equipo de 24 nadadores (14 mulleres e 10 homes).
No cómputo xeral, a Universidade de Santiago de Compostela proclamouse gañadora da cita, con 207 puntos, seguida pola Universidade de Vigo, con 201 puntos, e pola Universidade da Coruña, con 148 puntos. Ademais, foi tamén campioa na categoría absoluta feminina e segunda na masculina.
Numerosas medallas
O traballo da delegación deportiva da USC tivo tamén o seu froito no cómputo das medallas, acadando 25 dun total de 64. Delas, foron 7 ouros, 9 pratas e outros tantos bronces.