O trilema das sociedades avanzadas: saúde, medio ambiente e dieta

Santiago de Compostela

As dietas son un reflexo directo de múltiples factores que van máis aló do propio consumo, sendo profundamente influenciadas por aspectos socioculturais, crises económicas globais e tendencias alimentarias que definen a sociedade actual. Esta é a principal conclusión da investigación da enxeñeira química Cristina Cambeses Franco, que realizou unha tese pioneira sobre a sostibilidade das dietas de consumo e o seu impacto na saúde, o medio ambiente e a economía.

O seu traballo propón unha nova vía para a creación de políticas alimentarias máis eficaces e defende a incorporación da educación ambiental nos programas escolares como motor de cambio nos hábitos alimentarios a longo prazo. Dirixida polos docentes Gumersindo Feijoo Costa e María Teresa Moreira, a tese foi desenvolvida no centro singular CRETUS, ao abeiro do grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Departamento de Enxeñaría Química.

Crise alimentaria sen precedentes
A investigación parte da crise alimentaria global sen precedentes que vivimos hoxe, impulsada polo crecemento da poboación, a inestabilidade económica e os desastres naturais, factores que dificultan o logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A comunidade de saúde mundial demorouse en comprender a complexidade da chamada “tripla carga de malnutrición”, onde conviven a desnutrición, o sobrepeso, a obesidade e as enfermidades non transmisibles asociadas á dieta, como a diabetes ou as enfermidades cardiovasculares. A isto súmanse os impactos dos sistemas alimentarios non sostibles que, ademais de perpetuar desigualdades no acceso a alimentos, son os principais impulsores do cambio climático, a perda de biodiversidade e o esgotamento dos recursos naturais.

Ante estes desafíos, a solución pasa por promover dietas saudables e sostibles, con baixo impacto ambiental, accesibles, seguras, equitativas e culturalmente axeitadas. Dentro desta definición, a investigadora explorou a sostibilidade ambiental, os beneficios para a saúde e a viabilidade económica de dietas tradicionais europeas como a Atlántica, a Mediterránea ou a Nova Dieta Nórdica, as de guías dietéticas nacionais e as de propostas globais como o modelo EAT-Lancet.

Avaliación de varias dietas
A enxeñeira desenvolveu unha metodoloxía multicriterio para avaliar guías dietéticas recomendadas e patróns de consumo da poboación, destacando que as dietas baseadas en plantas, como a italiana, a mediterránea ou a EAT-Lancet, presentaron os mellores perfís nutricionais e ambientais. A dieta atlántica, respectuosa co patrimonio cultural e gastronómico galego, tamén demostrou a súa eficacia na redución do risco de síndrome metabólico e da pegada de carbono. Este achado resultou dun estudo en colaboración con profesionais do Hospital Clínico Universitario de Santiago no marco do proxecto GALIAT.

A investigación tamén revelou a complexidade dos factores que modelan os nosos hábitos alimentarios; dende as influencias socioeconómicas que definen as eleccións dietéticas en América Latina ata os efectos ambientais das políticas de saúde pública durante a COVID-19 en España, pasando polo impacto das dietas de tendencia, como a Paleolítica, na sostibilidade alimentaria.

A educación ambiental, crucial
Este traballo de investigación fixo unha contribución significativa ao campo da educación ambiental xa que, entre outras achegas, derivou na creación do xogo educativo Come San…Come Sostible, o cal saíu recentemente ao mercado a través do programa de valorización da área de transferencia e emprendemento da USC, no que colaboraron o profesorado da Facultade de Ciencias de Educación da USC e membros do grupo Esculca para a elaboración da guía didáctica. A súa finalidade é permitir plantar as sementes dunha xeración máis consciente e comprometida co coidado do medio ambiente.

A investigación doutoral reflectiuse en 10 publicacións en revistas científicas internacionais de prestixio nos campos da sostenibilidade (Journal of Cleaner Production, Science of the Total Environment…) e da saúde (Traditional Atlantic Diet and Its Effect on Health and the Environment no JAMA Network Open que acadou unha gran repercusión internacional). Tamén se publicou nun capítulo de libro e presentouse en conferencias nacionais e internacionais relacionadas coa saúde, o medioambiente e a educación.

O tribunal encargado de avaliar esta tese, cualificada con Cum Laude, estivo presidido polo profesor Javier Dufour (Universidade Rey Juan Carlos, Madrid), acompañado pola profesora Paula Pérez (MINES París, PSL University) como secretaria e Paula Sofía Gil Neto Quinteiro (Universidade de Aveiro) como vogal.
 

A autora, co tribunal e o director e directora da tese. Foto: CRETUS
A autora, co tribunal e o director e directora da tese. Foto: CRETUS