Últimos días para presentar comunicacións ao 21 Congreso Ibérico da Bicicleta e a Cidade

Santiago de Compostela, coa Facultade de Filoloxía como unha das sedes, acollerá entre o 26 e o 29 de xuño o 21 Congreso Ibérico da Bicicleta e a Cidade (ConBici), un dos encontros máis importantes sobre mobilidade sustentable na Península Ibérica que reunirá persoal experto, institucións e colectivos para analizar o papel da bicicleta na transformación urbana.

A presente edición abordará, entre outros temas, a intermodalidade, a accesibilidade e a conexión da bicicleta con rutas de referencia como o Camiño de Santiago e EuroVelo. Para presentar comunicacións a este encontro científico a organización mantén aberto ata o 3 de marzo o prazo, ao que poden concorrer persoal investigador, profesionais, empresas do sector, administracións públicas, simpatizantes e organizacións probici.

Trátase dun dos congresos sobre a bicicleta máis antigos da Península Ibérica, cuxa primeira edición se celebrou en 1996 tamén en Galicia. Esta vixésimoprimeira edición está organizada en colaboración con Composcleta xunto co equipo técnico de ConBici e en coordinación coa FPCUB. A Universidade de Santiago participa como colaboradora.