A USC consegue cinco axudas europeas Marie Curie, o que a sitúa entre as primeiras institucións do Estado

A Universidade de Santiago conseguiu cinco axudas na última convocatoria europea ‘Marie Sklodowska Curie’. En concreto, 3 serán para o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), unha para o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e outra máis para o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Ademais, nove proxectos dos presentados pola USC acadaron Selo de Excelencia.

Esta convocatoria, que acaba de resolverse, destinará 417 millóns de euros para que preto de 1.700 investigadores e investigadoras posdoutorais de Europa e do resto do mundo poidan desenvolver os seus propios proxectos mentres reciben formación e supervisión de alto nivel. O programa MSCA Postdoctoral Fellowships é recoñecido como un dos máis prestixiosos e competitivos de Europa e ten como obxectivo fomentar a excelencia investigadora a través da mobilidade internacional e a formación interdisciplinar.

Das 61 institucións españolas que conseguiron algunha destas axudas, a USC sitúase na sexta posición do Estado xunto coas Universidades Complutense de Madrid, Navarra e Politécnica de Valencia, cunha taxa de éxito do 20,8%, superior á que se agardaba como media a nivel europeo. Hai que ter en conta ademais que a convocatoria deste ano foi moi competitiva, xa que no cómputo global europeo se presentaron arredor dun 23% máis de propostas.

Tres proxectos para o CiQUS
Dos cinco proxectos seleccionados pola comisión europea, tres pertencen a persoal do CiQUS. As persoas beneficiarias, tres investigadoras e investigadores postdoutorais, desenvolverán os seus proxectos nos laboratorios do centro durante os próximos dous años. Estas persoas sumaranse así ao cadro de persoal investigador de diversos países como India, Portugal, Irán, Colombia ou Guatemala que ao longo destes últimos anos se incorporaron ao CiQUS no marco deste programa.

O proxecto NANO-MAC, liderado por Mafalda Gonçalves (Portugal) baixo a supervisión de Pablo del Pino, busca desenvolver nanotransportadores que imitan os macrófagos para administrar fármacos de manera moi selectiva a tecidos inflamados, con aplicacións en enfermidades como a colite ulcerosa. Pola súa banda, o proxecto BOOST, dirixido por M. Inés Paiva da Silva Leitao (Portugal) e supervisado por Javier Montenegro, explorará o uso de compostos de boro para transportar oligonucleótidos aniónicos a través de membranas celulares, abrindo novas vías na entrega de fármacos baseados en ácidos nucleicos. Por último, o proxecto McCOFs, a cargo de. Adrindam Mal (India) e supervisado por Manuel Souto, centrarase no deseño de cátodos orgánicos de alta capacidade para baterías de litio, utilizando redes covalentes orgánicas.

Protexer os océanos, a proposta do Cretus
‘Towards the 2030 conservation targets in Europe: An assessment of Management Gaps and Opportunities in Marine Protected Areas (SOS2030)’ é a proposta da investigadora Verónica Relano que obtivo a axuda Marie Curie e que se incorporará ao CRETUS da USC no equipo que lidera Sebastián Villasante, investigador distinguido Oportunius da Xunta e coordinador do proxecto ERC EqualSea. O proxecto SOS2030  busca mellorar a efectividade das Áreas Mariñas Protegidas (AMPs) en Europa, xa que moitas delas só existen en papel e non compren cos seus obxectivos de conservación, converténdose en “parques de papel”.

Para abordar este problema, SOS2030 elaborará e desenvolverá unha base de datos, unha ferramenta de avaliación, un documental multilingüe e un sitio web, entre outros. Por vez primeira, analizaranse de maneira integral os patróns comúns deses parques de papel, proporcionando claves para evitar a súa creación no futuro e mellorar a sostibilidade das comunidades costeiras en Europa e en todo o mundo. Xunto a USC, participan a Utrecht University e WWF Italy; e contan co apoio de Onewater.

O IGFAE afonda no coñecemento das forzas fundamentais
Na convocatoria Marie Curie o Igfae fíxose con outra das axudas, concretamente para o investigador Lin Chen no marco do proxecto ‘Probing nuclear parton dynamics in Heavy-Ion Collisions with Hard Probes» (HIC-HP)’. Lin afondará nas interaccións entre os feixes de partículas e o medio en colisións de ións pesados e as súas implicacións para as propiedades do plasma de quarks e gluóns, un estado da materia que se creou pouco despois do Big Bang. Nesta liña de traballo, Lin espera contribuír a un mellor entendemento da interacción forte e das propiedades do plasma de quarks e gluóns, colaborando coa comunidade científica de física de altas enerxías para afondar no coñecemento das forzas fundamentais.

Lin Chen uniuse ao IGFAE no ano 2023, no marco do proxecto YoctoLHC, liderado polo profesor Carlos Salgado, e financiado pola convocatoria Advanced Grant do European Research Council (ERC). Anteriormente, Lin fixo o seu doutoramento na Central China Normal University (Wuhan) e logo realizou unha estadía posdoutoral na Universidade Chinesa de Hong Kong (Shenzhen).  
 

De esquerda a dareita e de arriba a abaixo: M. Inés Paiva, Adrindam Mal, Mafalda Gonçalves, Verónica Relano e Lin Chen
De esquerda a dareita e de arriba a abaixo: M. Inés Paiva, Adrindam Mal, Mafalda Gonçalves, Verónica Relano e Lin Chen