O Foro Tecnolóxico de Emprego celebrará o seu primeiro cuarto de século cunha edición de récord. A cita, que terá lugar os días 11 e 12 de marzo no campus de Vigo, contará coa participación de 51 empresas, superando con moito cifras de anos anteriores. “Hai dous anos viñeron 33, isto fala do rápido crecemento da organización e do grande interese que teñen para participar neste evento”. Así o explica Iago Vázquez Quiroga, coordinador xeral do foro, que este xoves participou na presentación da nova edición no edificio Redeiras, xunto con José Luís Rodríguez Rodríguez, coordinador de organización, e Belén Parente Artime, responsable de comunicación deste evento.
Eles son tres dos 17 membros do equipo de estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo (EE Industrial, EE de Telecomunicación e EE de Minas e Enxería) que están detrás desta edición. O seu esforzo, traballo, perseveranza e ilusión (sumado ao dos equipos das edicións previas) serviulles para converter o Foro Tecnolóxico de Emprego na “feira de emprego máis grande de España organizada integramente por estudantes”. E é que este foro naceu, e así segue sendo, como un evento creado polo estudantado para o estudantado.
Froito de meses de traballo do alumnado
Xunto cos representantes da organización, na presentación da nova edición estivo presente tamén o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e os responsables das escolas de enxeñaría do campus (José Fariña, director EE Industrial, Rebeca Díaz, directora da EE de Telecomunicación e María Araujo, subdirectora da EE Minas e Enerxía). Os catro felicitaron á organización por sacar adiante un evento coma este e mantelo vivo durante 25 anos. O reitor agradeceu aos 139 colaboradores e 17 organizadores que fan este evento posible “o voso traballo, o voso compromiso e a vosa implicación” e estendeu o agradecemento ás tres escolas polo apoio que lles prestan. Atendendo ás cifras desta edición, Reigosa augurou “un éxito sen precedentes” que pouco marxe de mellora vai deixar para futuras edicións, aínda que “no peche da edición 2024 tamén pensábamos que ía ser difícil de superar” e, un ano despois, “o salto diría que é case cuántico”.
A directora da EET referiuse ao foro como “un caso paradigmático de éxito” que comezou como “unha iniciativa un pouco máis modesta pero marcou un estilo no resto das asociacións” polo modo de traballar e de transferir os coñecementos de xeración en xeración de estudantes. Felicitounos por manter vida a idea 25 anos despois porque é unha oportunidade única para que o alumnado, incluso dos primeiros cursos, entre en contacto coa realidade laboral e empresarial. Neste sentido, a subdirectora de Minas e Enerxía poñía en valor que “neses dous días, as escolas énchense de xente, de empresas e é unha oportunidade moi interesante para facer un primeiro achegamento ao mundo profesional”. O responsable da EEI, José Fariña, tamén recalcaba a importancia que ten este evento para a formación do alumnado, sobre todo “en competencias que non se abordan na aula” relacionadas coa comunicación, a proactividade, o traballo en equipo, etc. “moi valoradas polas empresas”.
Máis empresas ca nunca a disposición do alumnado
A principal novidade desta edición é a ampliación do número de prazas para empresas. “Nos últimos anos”, explicaba Iago Vázquez, “quedaban fóra compañías que querían participar”, por iso este ano apostaron por crecer: serán 10 empresas máis que en 2024 e 18 máis que en 2023. En total serán 51 empresas tecnolóxicas de todo tipo, dende grandes multinacionais e empresas estranxeiras ata empresas galegas e da área metropolitana de Vigo, “un récord histórico do foro”. Os organizadores amosábanse moi satisfeitos por contar “con grandes compañías pero tamén con entidades que naceron en Vigo ou mesmo spin-offs da UVigo que agora son referentes no seu sector”. Entre os nomes confirmados, firmas como Alén Space, Borgwarner, Applus, Egatel, Finsa, Gradiant, Oesía, Indra, KPMG, Marine Instruments, Norvento, Optare Solutions ou Televés.
Pero esta edición do 25 aniversario será de récord tamén no que atinxe a alumnado implicado: 17 coordinadores e 139 alumnos colaboradores procedentes das tres escolas do campus de Vigo, “cunha grande aceptación entre primeiro e segundo, cursos que historicamente vían moi lonxe o falar e tratar con empresas”. Isto, para Iago Vázquez, fala “do bo momento que vive o foro e tamén o sector tecnolóxico e agardamos que esta sexa, un éxito, a mellor edición da historia do foro e para iso levamos traballando todo o curso”.
Ademais, este ano o foro ábrese aos outros campus da UVigo e contará coa asistencia de estudantes de Ourense e Pontevedra, procedentes das escolas de Enxeñaría Informática, Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Enxeñaría Agraria e Enxeñaría Forestal. “Temos unha gran cantidade de empresas, polo que todos os sectores da enxeñaría van estar cubertos”.
Conferencias, mesas redondas e dúas quendas de speed recruiting
No que se refire ao programa, para esta edición a organización optou por reducir o número de conferencias e centrar os esforzos en «organizar workshops para que acheguen o máximo valor posible ao alumnado”. Non faltará unha das actividades que, segundo José Luis Rodríguez, coordinador da organización, máis lle gusta ao alumnado e ás empresas: o speed recruiting, “unha dinámica de entrevistas curtas, que dada a demanda se realizará en dúas quendas, para que poida participar máis estudantado”. Tamén recuperarán o formato mesa redonda coa participación de responsables de recursos humanos de grandes empresas, “na que se falará das necesidades das empresas cando contratan alumnado que finalizan estudos, así como que buscan cando entrevistan algún perfil”.
O aumento das empresas participantes levounos tamén a ampliar espazos, de modo que os postos das compañías instalaranse nos vestíbulos da EEI e da EEME, nos corredores da EEME e no segundo piso da EEI. As conferencias serán en aulas da EET e a mesa redonda no salón de actos da EEI. Os actos de inauguración e peche, no salón de actos da EET, de igual xeito que o speed recruiting.
Ademais, nestas dúas semanas previas á celebración do foro, están previstas varias actividades preparatorias abertas ao alumnado. Mañá venres haberá un obradoiro para aprender a preparar un currículo, un perfil de Linkedin ou a enfrontarse a unha entrevista e a vindeira semana, da man da Asociación de Debate Retórica UVigo, un taller para aprender a falar en público.
1200 participantes e 300 currículos en 2024
O Foro Tecnolóxico naceu hai 25 años na EE de Telecomunicación e ano tras ano foi sumando centros e superando expectativas ata achegar a este aniversario. Como destacaba Iago Vázquez, dende a súa creación no ano 2001 sobreviviu a varias crisis e incluso a unha pandemia”, consolidándose como un evento de grande interese para empresas e alumnos. Neste tempo, pasaron polo foro miles de estudantes e centos de empresas e as cifras da edición pasada falan por si soas: 1200 participantes e máis de 300 currículos entregados a empresas. Ademais, o coordinador xeral do evento, apuntaba que “arredor do 90% das práctica curriculares e extra-curriculares do alumnado saen do foro” e coa ampliación de empresas nesta edición “agardamos que sexan moitos máis”.