O Consello de Goberno acorda remitir a proposta de novos estatutos USC ao Claustro Universitario

Lugo,
Santiago de Compostela

O Consello de Goberno acordou este xoves 20 remitir ao claustro a proposta de Estatutos da USC adecuados á nova Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), que deberán ser sometidos agora a debate neste órgano de goberno Universitario como paso previo á súa aprobación definitiva. O documento integra boa parte da máis de 800 achegas realizadas tanto pola comunidade universitaria, nun primeiro período de información pública, como polos membros do Consello de Goberno en última instancia.

A proposta mantén aberto para o seu debate no Claustro cuestións capitais como son o enfoque que os Estatutos deberán recoller en relación ao modelo de organización universitaria desexada para a Universidade de Santiago no relativo á existencia ou non de Departamentos ou a determinación da participación dos distintos sectores da comunidade universitaria nos distintos órganos de goberno, entre outras.

Acordo entidades financeiras
Nunha segunda sesión extraordinaria, o Consello tamén aprobou a proposta para diferir nun novo prazo de tempo o pagamento da débeda bancaria da USC. Concretamente negociouse a ampliación do período de devolución de tres créditos bancarios para así poder facer fonte ao inicio das obras da Fase 1 da que será a nova sede da Facultade de Farmacia, cun custe total de 24,57 millóns de euros e un prazo de execución que abrangue de 2025 a 2028.

Cos novos prazos de pagamento, os recursos previstos para a amortización da débeda dos anos 2025 e 2026, un total de 7,59 millóns de euros, poderanse destinar ás necesidades derivadas da execución do novo edificio de Farmacia. A medida conta coa correspondente autorización da Consellaría de Facenda.