Juan Santos, presidente do Ceuvi: “Dinamizaremos as delegacións e darémoslle máis visibilidade á Universidade a nivel nacional”

Hai tres normas que lle gusta seguir, asegura Juan Santos Grandal (Bueu, 1998), cando se lle pregunta porque se presentou á presidencia do Consello de Estudantes da UVigo (Ceuvi): “fai o que queiras que che fagan; se algo non te gusta, debes ter iniciativa para solucionalo; e cando máis arriba esteas, máis capacidade terás para poder axudar. Por iso quixen presentarme, porque me gusta axudar e resolver os problemas da xente e hai que predicar co exemplo e non só agardar a que as cousas se solucionen soas, senón que hai que participar e facer o posible para que os proxectos saian adiante e os problemas se solucionen”. 

Juan Santos, que cursa na actualidade 2º do Grao en Enxeñaría Eléctrica na Escola de Enxeñaría Industrial, logo dun primeiro paso pola universidade, ao que seguiron cinco anos como artilleiro na brigada paracaidista en Madrid e o último en Zaragoza, antes de aprobar a oposición para entrar na AGM como oficial de promoción interna, foi elixido presidente de Ceuvi o pasado mes de decembro, remudando no cargo a Miguel Fernández Simoes, e con Jairo Rodríguez como secretario, Iago Meis como coordinador do campus de Vigo, Pilar Araujo Araujo, coordinadora do campus de Ourense e Ainhoa García Marcos e Brayan Josue Álvarez Lacayo na comisión de comunicación. Precisamente o cargo de coordinador do campus de Vigo foi o que Santos tivo antes de acceder á presidencia de Ceuvi e que lle permitiu visitar as escolas e facultades dos tres campus e coñecer o seu estado real e “ver que o estudantado está bastante desmobilizado, o que xera que perda protagonismo na universidade, pero o recuperaremos segundo recuperemos a participación do alumnado, pois van á par”, asegura.  

Situación diversa nos tres campus

Indo ao detalle, Santos sinala que no campus de Ourense “case non hai actividade nas delegacións ou estas non existen desde a covid e moitos estudantes non saben que existe a delegación ou para que serve, o que indica que hai unha gran falta de información. Arríscome a dicir que a maioría non sabe que existe o Ceuvi”. Unha situación que contrasta coa dos campus de Vigo e Pontevedra, onde o presidente do Consello asegura que hai bastante actividade, “pese aos problemas de participación do estudantado”.

En canto á situación que a representación do alumnado ten noutras universidades, Juan Santos recoñece descoñecela, “pero contactaremos con elas para coñecernos mellor e compartir ideas de como mellorar a nosa”.

Espertar ás delegacións e dar máis visibilidade á UVigo 

Nos dous anos de mandato que ten por diante, o novo presidente de Ceuvi traballará en dous niveis: un local e outro nacional. No primeiro caso, as accións estarán dirixidas a “espertar ou poñer a funcionar as delegacións que non estean a funcionar actualmente, integrándoas na estrutura de Ceuvi, ademais de crear un fluxo de información constante para poder dar resposta a todos os problemas ou inquedanzas que teña o alumnado”.

No ámbito nacional, os novos responsables do Consello pretender darlle máis visibilidade á universidade dun xeito “activo, eficiente e eficaz, porque queremos facer destacar á UVigo como valiosa a nivel de representación. Ademais formalizaremos relacións con outras universidades, tanto nacionais, como transfronteirizas”, detalla.

Un órgano asembleario de representación do alumnado

O Ceuvi, composto, neste momento, polos estudantes que forman parte do Claustro, 45 dos 63 que poderían ser, é un órgano asembleario formado polos e polas representantes do alumnado, que ten o obxectivo de coordinar e organizar a representación deste colectivo nos órganos da Universidade, para así poder ter maior presenza e influencia na toma de decisións, propoñendo cambios normativos, trasladando os problemas que lles afectan e defendendo os dereitos da comunidade universitaria ante posibles abusos e incumprimentos da normativa. 

A representación dos distintos centros no Consello de Estudantes repártese de xeito proporcional ao número de persoas matriculadas no momento da convocatoria das eleccións. Neste intre, o Ceuvi conta con presenza en organismos estatais como a Coordinadora de Representantes de Estudiantes de Universidades Públicas, a cuxo congreso teñen previsto asistir a finais deste mes de febreiro.