López Campos celebra a implicación das institucións nos actos conmemorativos do ‘Ano Castelao’

A Coruña, 18 de febreiro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou hoxe a “total implicación” das diferentes institucións e entidades nos actos conmemorativos do Ano Castelao, declarado polo Goberno galego co gallo da celebración este 2025 do 75 aniversario do pasamento do intelectual galeguista.

Así o salientou o responsable de Cultura da Xunta na ofrenda floral ante o monumento de Castelao, situado nos Xardíns de Méndez Núñez na cidade da Coruña, organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes e na que participou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. No acto, López Campos animou a toda a cidadanía a sumarse á ampla programación deseñada polo Goberno galego como “xusto recoñecemento a esta figura senlleira da cultura e política galegas” e que inclúe, segundo avanzou, unha exposición virtual na Cidade da Cultura sobre a súa vida e obra, actividades nos centros escolares “sobre as múltiples facianas duns dos persoeiros máis relevantes da historia de Galicia” e a publicación das dúas versións da coñecida peza teatral Os vellos non deben namorarse.

Deja un comentario