A Xunta avanza na formación das persoas desempregadas dando prioridade ás especialidades máis demandadas polo mercado

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 18 de febreiro de 2025

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, achegouse esta mañá- xunto co alcalde do municipio, Jorge Cubela- ao Centro Sociocultural de Tenorio, no concello pontevedrés de Cercedo-Cotobade, onde se desenvolve o curso recén inaugurado Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, integrado na convocatoria vixente do programa Acción Formativa para Desempregados (AFD), correspondente ás anualidades 2024-2025. Neste programa impulsado pola Xunta formaranse 15 alumnos e alumnas, quen ao rematar recibirán un certificado profesional na especialidade mencionada, unha das máis demandandas polas empresas galegas e polas persoas traballadoras nas oficinas de emprego. 

Pablo Fernández puxo en valor esta tipo de accións formativas e o compromiso da Xunta con elas, recordando que para esta convocatoria de axudas ás entidades de formación destinouse un orzamento próximo aos 80M€ —o máis alto dos últimos 15 anos— e co que se pretende cualificar arredor de 18.000 persoas sen traballo e así reforzar a formación para o emprego co reto principal de axustar as accións formativas aos perfís que demanda o tecido produtivo, dando resposta ás vacantes que existen no mercado laboral. Estas AFD van dirixidas de xeito prioritario ás persoas desempregadas, aínda que tamén poden participar nos cursos as persoas traballadoras ocupadas ata un límite do 30 % das prazas, sempre e cando non se cubran con persoas sen emprego. Ademais, o alumnado poderá estudar un curso completo ou módulos específicos incluídos nun certificado profesional, dentro da aposta da Xunta por flexiblizar ao máximo a formación e axustala ás necesidades de empresas e traballadores. 

Deja un comentario