Un ano máis, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais convoca o seu concurso de pintura CreArte na Universidade, ao que pode concorrer calquera persoa cunha obra de temática libre creada entre xaneiro de 2024 e marzo de 2025. O prazo de presentación finalizará ás 14.00 horas do 21 de marzo. De entre as obras seleccionadas, o xurado outorgará un único premio de 1.200 euros a unha obra que pasará a formar parte do patrimonio do centro.
Trátase dunha iniciativa que a Facultade puxo en marcha en 2011, que entronca coa tradición do centro de aposta polo fomento da arte galega, configurando unha colección de obras de arte posta a disposición dos membros da comunidade universitaria e o público xeral. A convocatoria desta décimo cuarta edición de CreArte, coa colaboración da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, busca acrecentar o apoio á creación artística e ao coleccionismo prestando especial atención á arte como elemento fundamental para o crecemento persoal no seu máis amplo sentido.
As propostas achegadas a CreArte deberán ter unhas dimensións comprendidas entre 50×50 centímetros e 120×120, e deberán presentarse enmarcadas cun listón cun ancho máximo de 3 centímetros ou sen enmarcar pero sobre un bastidor. As obras seleccionadas polo xurado formarán parte dunha exposición temporal que se instalará na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais durante os meses de abril e maio deste ano.