A Cidade da Saúde avanza coa licitación da Facultade de Farmacia

A Universidade de Santiago vén de lanzar a licitación da primeira fase da súa Cidade da Saúde, correspondente ás obras da Facultade de Farmacia cun orzamento de preto de 24 millóns de euros e un prazo de execución de 22 meses.

Esta primeira fase contempla a construción dun centro que acubillará biblioteca e sala de estudo con 410 plazas, 21 aulas para docencia teórica, 17 laboratorios de prácticas, aulas de informática, zona de cultivos e sala de conxeladores ademais dunha zona de convivencia para o estudantado e espazos administrativos e de goberno.

O proxecto presenta un deseño innovador tanto na arquitectura como en materia de instalacións, cunha funcionalidade dos espazos pensada tanto para as necesidades de docencia da Facultade como para seren adaptados a posibles necesidades futuras.