A feira eXXperimenta en Feminino sementa o amor pola ciencia e a tecnoloxía entre a rapazada do sur de Galicia

O campus de Ourense acolle este venres a celebración dunha nova edición, a oitava, da súa gran cita anual coa divulgación científica e co fomento da igualdade no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). Trátase da feira eXXperimenta en Feminino, que cada ano mobiliza un amplo colectivo de persoal docente e investigador da UVigo, principalmente mulleres, co obxectivo de contribuír a rachar dous teitos de cristal neste eido: a falta de referentes femininos científicos na sociedade e a desproporción entre homes e mulleres nas carreiras científico-tecnolóxicas. Máis de 300 escolares achegáronse ao longo da mañá á feira, aberta pola tarde ao público interesado.

A feira, que se desenvolve no edificio Politécnico, organízase co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e nela participa máis de medio centenar de persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Ademais conta co apoio do Campus Auga; das unidades de Cultura Científica e Igualdade da UVigo e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Pola mañá participaron na feira máis de 300 estudantes de quinto e sexto de Educación Primaria, de Educación Secundaria Obrigatoria e de Bacharelato de sete centros educativos das provincias de Ourense e Pontevedra.

13 propostas científicas

Desde a organización da iniciativa, coordinada polas profesoras Julia Carballo, Nieves Lorenzo, Alma Gómez e Olga Escuredo, sinalan que na súa oitava edición, a feira conta xa cun equipo moi implicado e organizado, ofrecendo nesta ocasión 13 postos científicos diferentes nos que as e os escolares poden para facer todo tipo de experimentos, ademais de coñecer tanto as titulacións CTEM que se imparten en Ourense como persoas que nelas traballan ou estudan. “Como todos os anos, o noso obxectivo é que nenas e nenos vexan in situ que as mulleres tamén poden facer e fan ciencia e tecnoloxía e a ver se así axudamos a rachar esa fenda de xénero que hai entre alumnado feminino e masculino nestas carreiras”, sinalan. Neste sen, lembran que o proxecto eXXperimenta en Feminino, que abrangue outras actividades alén desta feira, xurdiu precisamente “da preocupación das investigadoras do campus de Ourense ante a escasa presenza de mulleres entre o alumnado de graos científicos e tecnolóxicos”.

Ao longo da mañá, as e os escolares percorreron cada un dos postos da feira. Entre as numerosas actividades científicas ofrecidas neles, principalmente por investigadoras pero tamén por investigadores, puideron ver microorganismos da auga; coñecer o valor oculto na biomasa; crear un arco da vella; coñecer como se forman as nubes e os tornados e a loita insectfriendly contra a vespa velutina. Tampouco faltaron experiencias como ver como funciona un túnel de vento de aeronáutica; programar con ferramentas sinxelas; coñecer como os residuos poden ter unha segunda vida e como a ciencia e cociña se mesturan en técnicas como a esferificación e a xelificación. A beleza e o poder das enzimas; recrear o afundimento e explosión do buque Casón; facer un ‘escape room’ para aprender os conceptos de refinería e de biorefinería e obradoiros prácticos sobre etiquetado alimentario foron outras das propostas de eXXperimenta en Feminino. Todas estas actividades están relacionadas con diferentes aspectos do traballo investigador que realizan os diferentes grupos de investigación do campus de Ourense implicados nesta feira.

Entrega de premios escolares

Como xa é tradición, tamén nesta edición da feira na programación da tarde inclúese a entrega dos premios do IX Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, convocado polo mesmo colectivo da Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, co apoio da Unidade de Igualdade. En total, presentáronse máis de 170 traballos e debido á elevada participación na modalidade visual en Educación Secundaria, esta desdobrouse en modalidade visual de debuxos e collages e de fotos.

Na categoría de Educación Primaria, na modalidade visual, de debuxos-collages, o primeiro premio foi para Valery Zaybel Mejías, do Colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense; o segundo para Carlota Piñeiro, do Colexio Maristas Santa María de Ourense, e o terceiro para Helen Anayelly Raymundo, tamén do Colexio Padre Feijoo-Zorelle. Non se concederon premios na categoría literaria ao non presentarse propostas. Na categoría de Educación Secundaria, na modalidade literaria o primeiro premios foi para Lucía Matías Fernández, do IES Allariz; o segundo para Naír González, do IES Julio Prieto Nespereira, e o terceiro para Melany García, do IES 12 de Outubro. Na modalidade visual de debuxos-collages o primeiro premio foi para Antía Luaces, do IES 12 de Outubro; o segundo para Carmen Mazarro, do CPR Plurilingüe La Purísima, e o terceiro para Mara Santos, do Colexio Santo Ángel, os tres centros de Ourense. Na modalidade visual de fotos, Sara Bolón e Noa García, ambas do CPR Plurilingüe La Purísima, gañaron respectivamente o primeiro e segundo premio e Diana Alexandra Moscu, do Colexio Santo Ángel, o terceiro.