USC e Consellaría do Mar avaliarán o impacto dunha hipotética redución impositiva no consumo de peixe e marisco

Santiago de Compostela

USC e Consellaría do Mar analizarán o impacto que a redución da presión impositiva, particularmente  do IVE, tería sobre as preferencias das persoas no consumo de peixe e marisco. Con esta finalidade, o reitor Antonio López e o conselleiro Alfonso Villares Bermúdez asinaron este venres 14 na Reitoría compostelá un convenio de colaboración que regulará este estudo e que serviría de base á modelización dunha campaña de promoción do consumo de peixe que estimule a demanda.

En concreto, o obxecto do convenio é a creación dun modelo de Equilibrio Xeral Computable (CGE) asociado a Táboas Input-Output de Galicia  que permita ampliar o rango de aplicacións e análises e mellorar a medición de impactos asociados a cambios nos impostos, como pode ser o IVE, ou nas preferencias de consumidores/as. Unha vez programado o modelo, o propósito sería aplicalo, en primeiro lugar, ao impacto da baixada do IVE no peixe e á modelización dunha campaña de promoción do seu consumo.

A Consellaría do Mar establece esta colaboración coa USC recoñecendo a súa acreditada experiencia na elaboración, desenvolvemento e aplicación de modelos input-output no ámbito da pesca, desenvolvidos con tanto detalle como para capturar especificamente a estrutura produtiva e interconexións de ata 14 sectores do complexo pesqueiro galego, e tendo ademais a capacidade para cruzar datos de custes produtivos, especies capturadas/producidas e frota ou sector produtivo ao longo dun período amplo de tempo.

Expectativas para o sector
Do desenvolvemento desta liña de colaboración agárdase unha mellora da capacidade de análise e predición a disposición do sector pesqueiro e da Administración autonómica, ademais de mellorar a precisión do instrumental analítico dispoñible. Ademais, os resultados acadados poderían orientarse á optimización da capacidade propositiva de políticas públicas que poidan incidir positivamente na posta en marcha dos sectores pesqueiro, acuícola e marisqueiro galegos, así como consolidar os recursos científicos dedicados á análise do impacto socio-económico da pesca en Galicia.

Esta é unha actividade financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e pola Consellaría do Mar a través do proxecto para o estudo dos efectos da carga do cultivo de moluscos sobre as rías galegas.

O reitor e o conselleiro do Mar asinaron o acordo. Foto: Santi Alvite
O reitor e o conselleiro do Mar asinaron o acordo. Foto: Santi Alvite