Santiago de Compostela
O grupo EconLab Galicia do Departamento de Economía Aplicada da USC encargarase de avaliar as políticas de emprego e formación desenvolvidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da realización de estudos que permitan avanzar no desenvolvemento metodolóxico necesario para a análise rigorosa das accións postas en marcha e o seu seguimento.
Así o acordaron este xoves o reitor da USC, Antonio López, e conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañados do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, na sinatura do convenio de colaboración polo que o grupo universitario se encargará do deseño do marco metodolóxico para a súa posterior aplicación nos diferentes informes que se establezan relacionados co impacto e seguimento as actuacións.
Estes traballos permitirán medir a efectividade das políticas e mellorar a planificación futura, asegurando que estean cada vez máis adaptadas ás necesidades e retos do mercado laboral.
A Xunta de Galicia conta así co coñecemento de profesionais cualificados e especializados en economía pública que xerarán instrumentos de análise que permitan afondar nos resultados obtidos en materia de emprego. Á súa vez, o persoal investigador comprométese a realizar actividades de difusión e publicación dos resultados obtidos na procura da alfabetización e avance na cultura da avaliación de políticas de emprego e formación.