A inserción laboral do estudantado universitario galego roza o 91%

A inserción laboral do estudantado galego sitúase no 91%, 30 puntos máis ca hai unha década, e o 74% del desenvolve a súa carreira profesional en Galicia. Estes datos aparecen recollidos no Estudo da inserción laboral das persoas graduadas no Sistema Universitario de Galicia no curso 2017/18, elaborado pola Axencia para a Calidade do SUG (ACSUG), que se presentou este xoves en Santiago. A enquisa realizouse entre xullo e agosto de 2024, aproximadamente seis anos despois de que as persoas enquisadas rematasen o grao, cunha mostra acadada de 3.356 persoas, o que representa o 43,91% da poboación total de persoas graduadas no curso 2017/18.

Na presentación do estudo, á que acudiu o reitor Antonio López, participaron tamén o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; o presidente da ACSUG, Juan José Nieto; o director desta entidade, Eduardo López; os reitores das universidades de Vigo, Manuel Reigosa, e da Coruña, Ricardo Cao, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez. 

Seis meses para atopar emprego
O 90,6% das persoas graduadas durante o curso 2017/18 (89,8% os homes e 91,6% para as mulleres) traballaba no momento da realización da enquisa. Por ramas de coñecemento, lidera a inserción Enxeñaría e Arquitectura (96,2%), seguida de Ciencias da Saúde (95,7%), Ciencias Xurídicas e Sociais (89,6%), Ciencias (83,6%) e Artes e Humanidades (79,7%)

De media, tardaron 6,51 meses en atopar dito traballo e case o 75% das persoas egresadas fíxoo en menos dun ano. As vías máis utilizadas para esa busca de emprego foron internet, a presentación de forma espontánea da súa candidatura ou a través de familiares ou amizades. Practicamente a metade (52,4%) atopan o seu primeiro emprego por algunha destas tres vías, que xa eran as máis empregadas e efectivas nos estudos anteriores.

Traballo en Galicia
A maioría das persoas graduadas, case o 74,1%, está a traballar en Galicia, o 21,6% noutra comunidade autónoma e o 4,3% fóra de España; e o 83,7% das persoas que traballan están desenvolvendo funcións de nivel universitario.

As cinco competencias máis valoradas entre as requiridas no traballo actual, segundo as persoas enquisadas, son a capacidade de comunicación oral e escrita, para resolver problemas, de aprendizaxe, de traballo independente, de planificación, coordinación e organización.

Incremento do salario
O 91,8% das persoas enquisadas nesta edición do informe traballan por conta allea. No que atinxe ao salario medio, ascende a 1.691,85€ ao mes e máis do 66% dos graduados teñen un salario mensual superior a 1.500€. No caso dos titulados no curso 2007/08, o salario medio era de 1.305,01€, pero só o 22,4% superaba os 1.500€.  

Os datos refírense ao salario neto mensual deflactado aplicando a variación do índice de prezos de consumo (IPC). Destaca o incremento no estrato superior da táboa salarial (2.000€ ou máis): o 30,7% das persoas egresadas no curso 2017/18 está neste nivel, fronte ao 4,1% dos titulados no curso 2007/08.

Formación e oposicións
A maiores de traballar, os titulados e tituladas manexan outras opcións. Así, o 22,4% continuaba estudando no momento da realización da enquisa e o 23,8% preparaba oposicións.

No que atinxe á satisfacción co itinerario académico, o 87,2% dos enquisados volvería cursar un grao, o 77,9% volvería cursar un mestrado e o 76% volvería facer un doutoramento.

Cómpre sinalar, ademais, que o 55,4% das persoas participantes no estudo tiña xa outra titulación universitaria rematada, a maiores da titulación pola que eran enquisadas. No 89% dos casos trátase dun título de mestrado.