Estudantado de Ciencias da Educación elabora materiais didácticos para traballar a igualdade nas aulas

O alumnado de 4º curso dos graos en Mestre/a de Educación Infantil e Mestre/a de Educación Primaria da USC elaborou unha colección de materiais didácticos dirixidos a promover a igualdade de xénero no ámbito educativo. Estes recursos, desenvolvidos no marco da materia Deseño e Elaboración de Materiais Didácticos durante o presente curso académico, están dispoñibles nun banco de recursos accesible en liña.

Os materiais, que seguen os principios do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), abordan a igualdade de xénero a través de distintas tipoloxías, como contos, xogos educativos, blogs, actividades interactivas e outras ferramentas físicas e dixitais. A páxina web do proxecto proporciona tanto acceso directo aos materiais dispoñibles en formato dixital como as indicacións necesarias para solicitar os físicos.

Este traballo baséase na necesidade de integrar a perspectiva de xénero nos materiais educativos, un ámbito que, segundo diversos estudos, segue a ter pouca presenza nos recursos didácticos. Así, o estudantado recibiu durante o curso formación específica sobre a importancia dos materiais na promoción da igualdade e no deseño de recursos educativos accesibles e inclusivos. As sesións incluíron asesoramento continuo por parte do profesorado da materia -Jesús Rodríguez Rodríguez, Silvia López Gómez e Pablo Gayo Pérez- e actividades complementarias, como un encontro coa Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na Coruña.