Os cinco centros da Universidade de Santiago que forman parte da Rede CIGUS participaron este martes na Cidade da Cultura no acto de recoñecemento que a Xunta de Galicia lles rendeu por ser clave na investigación de excelencia universitaria e actuar como motor de progreso de Galicia. Na cerimonia, que presidiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou o reitor Antonio López, que estivo acompañado polos directoras e directores dos centros da USC así como por outras autoridades civís e académicas, entre eles os reitores das outras dúas universidades galegas.
Deste xeito, recolleron o recoñecemento os directores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), José Luis Mascareñas; do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Carlos Salgado; do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), María Isabel Loza; do Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), Senén Barro; e do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), María Teresa Moreira.
A rede CIGUS, que conta hoxe con 1.600 investigadores e captou nos últimos catro anos máis de 180 millóns de euros en proxectos competitivos, é un modelo único en España cofinanciado no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027. Ademais dos cinco centros de excelencia da USC, conforman esta rede, pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación(AtlanTTic), o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) e o Centro de Investigación Mariña(CIM), e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).
Centros colaborativos
No mesmo acto, fíxose tamén entrega de placas de recoñecemento polo seu labor investigador aos centros colaborativos CITEEC, CINTECX e ECOBAS, este último dirixido pola profesora da USC María Loureiro, que recolleu o galardón.
![O reitor compostelán, Antonio López, interveu no acto de recoñecemento O reitor compostelán, Antonio López, interveu no acto de recoñecemento](https://assets.usc.gal/sites/default/files/styles/content_inner_image/public/paragraphs/imaxe/2025-02/img-20250211-wa0004.jpg?itok=g7ud7Wd0)