A Olimpíada Solidaria de Estudo trocará horas de estudo por euros para axuda humanitaria en Malí

A vixésimo primeira edición da Olimpíada Solidaria de Estudo bota a andar o vindeiro 15 de febreiro coa participación da USC, de xeito que o alumnado que desenvolva o seu tempo de estudo nas bibliotecas da Universidade poderá rexistrar as horas que invista e trocalas por euros para un proxecto humanitario, neste caso en Malí.

Por cada hora de estudo rexistrada, a persoa usuaria doará 1 euro que se transformará en axuda humanitaria para apoiar 250 mulleres rurais de catro aldeas da Comuna de Mandei (Malí) que buscan un futuro mellor para as súas nenas e nenos, que merecen o acceso a educación e unha alimentación saudable. O proxecto inclúe unha granxa piloto situada entre as aldeas de Samale e Samanyana. 

En concreto, no Campus de Santiago, participan as bibliotecas Concepción Arenal, Xeral, Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias Económicas e Empresariais, Enfermaría, Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina e Odontoloxía, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química, e Xeografía e Historia. En Lugo, involucráronse na Olimpíada Solidaria a Bibliotecas Intercentros, xunto coas de Formación do Profesorado e Veterinaria. A iniciativa esténdese ata o 15 de marzo. 

A Olimpíada Solidaria de Estudo é unha actividade de sensibilización e educación para o desenvolvemento a través da cal a mocidade pode participar e comprometerse con proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Na última edición houbo unha participación de 1.875 estudantes e unha recadación de 6.368 €/horas destinadas á formación de profesionais na saúde mental para o restablecemento psicolóxico das mulleres, nenas e nenos superviventes, vítimas dos conflitos bélicos da provincia de Kivu Sur, na República Democrática do Congo.