16 equipos de toda España enfrontaranse no III Torneo Nacional Retórica UVigo debatendo sobre a mercantilización do amor

Arredor de 100 persoas, entre equipos, xurados e organización participarán a vindeira semana en Vigo na terceira edición do Torneo Nacional Retórica UVigo. O certame arrancará o 14 de febreiro, o día de San Valentín, e por iso a organización apostou por elixir unha temática que non podía gardar máis relación coa data: a mercantilización do amor.

En total, competirán nesta cita estatal, que se celebrará Escola de Enxeñaría Industrial en Torrecedeira os días 14 e 15, un total de 16 equipos procedentes de 11 universidades de toda España. Todos eles buscarán a vitoria tendo que argumentar a favor ou en contra dunha pregunta: É ética a mercantilización do amor? Detrás deste evento está a Asociación de Debate Retórica da Universidade de Vigo, que este venres celebrou unha rolda de prensa de presentación do torneo no edificio Redeiras. Acompañados pola vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, os responsables do equipo presentaron os datos dun evento que xa acada a súa terceira edición. 

Un torneo de alto nivel

Inés Túñez e Martín Álvarez, presidenta e tesoureiro da Asociación de Debate Retórica UVigo e Iván Fernández, formador e antigo membro da xunta directiva, deron os detalles don evento. Destacaron que este é o único torneo do circuíto de debate universitario que se celebra no noroeste peninsular e o único cuxos gañadores acadan unha praza para a final da liga LEDU e, a pesar de ter pouca historia, xa atrae a estudantes doutras puntas do Estado. “Este ano seremos un dos torneos que máis nivel teñen en canto a equipos e a xuíces” e, en concreto, participarán equipos das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Pontificia, País Vasco, Comillas, Nebrija, Xaén, Valladolid, Málaga, Carlos III e Almería. De feito, como explicaba Túñez, cubríronse as prazas nun tempo récord ata completar os 16 equipos que permitía a loxística organizativa. 

Martín Álvarez, tesoureiro da asociación e xuíz no torneo que a semana pasada proclamouse mellor orador no Torneo de Alcalá de Henares, destacou a importancia de atraer a mozos e mozas ao mundo da retórica. Coincidía con Túñez en que o debate axuda a desenvolver habilidades complementarias ás adquiridas na aula, “como as coñecidas como soft skills ou habilidades brandas, a falar en público, a perder o medo a comunicarte, a aprender a traballar en equipo e a desenvolver valores tan importantes como saber competir e respectar o rival”. Ademais, engadía Álvarez, os torneos serven para “coñecer moitísimos estudantes e conectar moitísimo talento”. 

Sobre a temática elixida, Iván Fernández explicou que a organización apostou por fuxir da política ou a economía para optar por unha pregunta sobre ética, “porque é deste tipo de debates dos que sae un consenso e nos fai tomar decisións como sociedade sobre certas condutas, comportamentos ou situación. Queremos ver como os equipos argumentan sobre como nos afecta a mercantilización do amor de parella, o amor parental ou mesmo entre amigos”.

Pola súa banda, a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade puxo o foco na súa intervención na importancia que ten o asociacionismo para o crecemento persoal e académico do alumnado. “As vantaxes son múltiples e en moitas facetas”, tanto dende o punto de vista académico, “pola formación complementaria que adquiren en comunicación, xestión do tempo, liderado ou traballo en equipo”, como dende o punto de vista persoal e social, porque “se amplía a vosa rede de contactos e amizades” e porque se incorpora ao currículo actividades que as empresas valoran moito “porque demostra compromiso, constancia, traballo e esforzo”. Ademais, Caparrini lembrou estas asociacións de estudantes son tamén claves para a Universidade, “porque dinamizan e enriquecen e a vida universidade e porque lle achegan máis visibilidade á institución”.

Dúas fases e premios ao mellor equipo e mellor orador ou oradora

A competición constará dunha fase clasificatoria con cinco roldas que se elixirán por sorteo e unha fase final que comprenderá cuartos, semifinais e final. 
Respecto das e dos xuíces, Iván Fernández avanzou que se trata dun panel “moi diverso e de moita calidade que asegurará “a maior obxectividade posible” e axudará a que o torneo “sexa un verdadeiro exercicio de desenvolvemento intelectual”. Valorarán a veracidade, estrutura e coherencia dos argumentos, o rigor das fontes e as citas e a capacidade de cada equipo para responder á pregunta plantexada e para refutar os argumentos do equipo contrario. Tamén se terá en conta a naturalidade e expresividade, o contacto visual e uso do espazo, o uso correcto da linguaxe e tamén dos silencios, a capacidade de captar a atención e o respecto cara o equipo contrario e as e os xuíces.

O equipo ganador obterá unha praza directa na Liga Española de Debate Universitario, LEDU, así como un trofeo e un premio económico. Tamén se elixirá ao mellor orador ou oradora do torneo e entregaranse diplomas para cada unha das mellores posturas, coñecido como dream team.  
O torneo inclúe ademais este ano unha novidade: unha mini competición na que para ganar o premio a mellor orador ou oradora as dúas persoas que acaden mellor puntuación individual ao longo da fase de grupos enfrontaranse entre eles facendo un discurso de cinco minutos. O tema da final de oradores manterase en secreto ata pouco antes de que comecen a competir, para “ver a capacidade de improvisación”.

Os debates están abertos ao público e calquera persoa pode asistir sen necesidade de inscripción.

Asociación Retórica

Unha vintena de estudantes integran este curso a renovada Asociación Retórica da UVigo, na que logo da marcha de Tomás Aparicio, o cargo de presidenta pasa a estar ocupado por Inés Túñez, estudante de cuarto curso de Tradución e Interpretación e integrante do equipo que gañou o ano pasado a final da LEDU. Juan Calderón, vicepresidente; Esther Álvarez, secretaria; Martín Álvarez, tesoureiro; Laura Leirós, vogal de coordinación e eventos; Pablo Domínguez, vocal institucional; María Aguión, vocal de xestión de redes completan a nova xunta directiva. 

A Asociación Retórica da UVigo competirá este ano con dous equipos capitaneados por Martín Llach, estudante de ADE e Uxía Juiz, estudante de Comercio e dos que forman parte, entre outros, Martín Álvarez, estudante de ADE, tesoureiro da asociación e Alma Bao, estudante de Enxeñaría Biomédica.