11F, Día da muller e a nena na ciencia

Lugo,
Santiago de Compostela

Como cada ano, a Universidade de Santiago súmase o 11 de febreiro á conmemoración en todo o mundo do Día da Muller e a Nena na Ciencia. Arredor desa data, son numerosos os centros en Santiago e Lugo que contemplan accións divulgativas para pór en valor o traballo das mulleres científicas da USC á vez que espertar vocacións entre as futuras xeracións.

O acto central terá lugar o propio martes 11 cunha mesa redonda organizada pola Vicerreitoría de Política Científica e a Delegada do Reitor para Igualdade. Será ás 19.00 horas no Salón de Graos Facultade de Ciencias Políticas e Sociais cando seis mulleres que desenvolven a súa carreira profesional na USC relaten as súas propias experiencias e debatan sobre a situación actual e as perspectivas de futuro.

Participan a catedrática de Fundamentos de Análises Económica e directora Científica do Centro de Investigación Interuniversitario de Economía e Empresa para a Sociedade (ECOBAS), María Loureiro; a catedrática de Psicoloxía Básica e directora do Instituto de Psicoloxía, Isabel Fraga Carou; a técnica da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento Susana Torrente Vilasanchez; a investigadora Ramon y Cajal na Facultade de Matemáticas Saray Busto Ulloa; a investigadora posdoutoral da Xunta de Galicia no Instituto de Humanidades Alba Moreno Zurita; e a investigadora predoutoral na Facultade de Química Ana Justo Vega. Modera a decana de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón.

CientífiQas: ciencia feita por mulleres no CiQUS
Un día antes, o luns 10, será o CiQUS quen abra as portas ás preuniversitarias para compartir unha xornada con científicas referentes. No encontro CientífiQas, as investigadoras deste centro de excelencia explicaranlle a alumnas de bacharelato os proxectos que realizan dende os seus laboratorios á vez que lles mostrarán as instalacións para coñecer o centro e o seu equipamento científico.

Portas abertas no iMATUS
Unha xornada semellante terá lugar o martes 11 no Instituto de Materiais da USC (iMATUS), que abrirá as súas portas para presentar algúns experimentos sinxelos relacionados coas liñas nas que está a traballar o seu persoal investigador. Abertas a todo o público, hai tres sesións dunha duración aproximada de 1 hora para as que é preciso solicitar cita previa antes do día 10 de febreiro ás 14.00 horas.

Masterclass no IGFAE
Tamén un ano máis, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, organiza en Santiago a Masterclass Internacional de física de partículas. Así, o martes na Facultade de Matemáticas alumnas de 1º bacharelato de centros educativos de toda Galicia convivirán con investigadoras do IGFAE e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) e realizarán unha práctica con datos reais do experimento LHCb. Trátase de achegar a física ás estudantes preuniversitarias galegas, especialmente en ámbitos moi masculinizados como a física de partículas, onde persiste unha notable fenda de xénero.

Divulgación científica en Ultravioletas
Pola súa banda, a asociación de estudantes Luzada organiza a cuarta edición de ‘Ultravioletas’, centrada nesta ocasión na divulgación científica con perspectiva de Xénero, para o que contan con varias divulgadoras con dilatada experiencia neste campo como Eva Cabanelas Dopazo, Mariamo Mussa Juane ou María Jesús García Guimarey.

As enxeñeiras, protagonistas na ETSE
Na mesma semana da conmemoración, o venres 14 de febreiro, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo organiza a actividade ‘Protagonistas, as enxeñeiras’, coa que busca dar visibilidade a referentes femininas no seu ámbito de actuación e dar pulo ás vocacións científicas das nenas e mozas neste eido. Así, co apoio do Concello de Lugo e da Casa da Muller, haberá unha serie de obradoiros sobre temáticas variadas como o voo de drons, ‘Micro-Aliens’ contra as pragas, o esqueleto dos edificios, non malgastedes a auga, variando a velocidade, MITECO: a defensa do monte fronte a incendios ou o desenvolvemento de produtos de madeira estrutural.

Club de lectura na ETSE
Xa con carácter atemporal pero enmarcado tamén nas actividades do 11 de febreiro, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría lanza o seu Clube de lectura Enxeñaría e Xénero co obxectivo de promocionar a lectura consciente no ámbito da igualdade. Está conformado polos membros da comunidade universitaria (alumnado, PDI e PAS) con interese na lectura e en compartir opinións sobre as obras propostas pola comisión.