A UVigo dótase dun plan para potenciar a súa internacionalización

A Universidade de Vigo conta desde hoxe cun Plan de Internacionalización, o primeiro da súa historia, co que pretende, en palabras do reitor, Manuel Reigosa, “avanzar en anos sucesivos nun dos eixos fundamentais do noso mandato que é a internacionalización”. O documento aprobado por asentimento e no que se introducirán as modificacións solicitadas polo decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero Reguera, co obxectivo de facer máis explícitas as capacidades e formación impartida no seu centro, foi aprobado por asentimento na sesión de Consello de Goberno celebrada hoxe, na que a vicerreitora de Internacionalizacion, Maribel Del Pozo, foi a encargada de debullar un plan, “que é o primeiro que recolle as liñas fundamentais para avanzar dun xeito máis ordenado”.

Este foi un dos puntos aprobados na sesión ordinaria celebrada este xoves polo órgano de goberno da UVigo, que tamén deu luz verde a unha nova Normativa para a elaboración do Plan de Ordenación Docente (POD), que substitúe á anterior, e que está dividida en dous grandes bloques: a elaboración inicial do POD e outro centrado en que ocorre se cómpre modificalo durante o curso. Na sesión, que comezou co informe do reitor, tamén se aprobou a tramitación das propostas de Programas de Simultaneidade de Enxeñaría Agraria e Ciencias Ambientais e Enxeñaría Agraria e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos para o vindeiro curso, así como a proposta de prezos para os complexos residencias da UVigo para o curso 2025/2026.

Un Plan de Internacionalización de seu para a UVigo

Fomentar e desenvolver de maneira sustentable a dimensión internacional no estudo, o ensino, a investigación  e a xestión institucional, así como na participación da Universidade en iniciativas que impulsen a súa internacionalización, tanto en accións de mobilidade,  como de internacionalización na casa, son os obxectivos do I Plan de Internacionalización da UVigo. Coa finalidade de acadar os seus obxectivos, o Plan estrutúrase, como explicou a vicerreitora, Maribel del Pozo, ao redor de catro eixos interconectados: a cooperación internacional, a mobilidade do estudantado, do PDI e do PTXAS, o plurilingüísmo e a multiculturalidade e a atracción de talento internacional. “Somos moi bos e facemos as cousas ben e temos que darnos a coñecer fóra”, sinalou Del Pozo, que explicou que no caso da cooperación internacional, o Plan avoga por que a UVigo amplíe a súa colaboración con institucións internacionais, establecendo dobres titulacións e titulacións conxuntas, ademais de deseñar proxectos en colaboración. Con respecto á mobilidade o obxectivo deste eixe é concienciar a alumando, PDI e PTXAS dos beneficios de participar nunha actividade de mobilidade, a través dos programas existentes como os Erasmus, ISEP, Iacobus, a acción KA171 do Programa Erasmus+ ou as mobilidades combinadas, coñecidas como BIP, moitas das cales se desenvolven ao abeiro da Alianza Athena. 

En relación co eixo de plurilingüismo e multiculturalidade, “moi importante porque é unha riqueza”, asegurou Del Pozo, o I Plan de Internacionalización focalízase na consecución dunha oferta académica impartida en linguas estranxeiras, nomeadamente en inglés. A ampliación do catálogo de materias baixo a modalidade Friendly ao portugués, francés e italiano e a implementación, dunha banda, da metodoloxía COIL (Colaborative Online International Learning), centrada no deseño e realización de cursos nos que grupos de estudantes de diversas universidades traballan  xuntos, de xeito virtual, en proxectos comúns ou actividades de aprendizaxe, guiados polo seu profesorado, e, doutra, das Clases Espello, baseadas na sincronización de clases entre a UVigo e unha universidade estranxeira parceira, son as principais liñas contempladas neste eixo. Con respecto á atracción e retención de talento internacional, o Plan sinala que os países castelán falantes e da lusofonía son a prioridade, porén se deberá facer un esforzo en acadar alumnado procedente de África e Asia. A creación dun Centro de Benvida para o estudantado internacional, é unhas das iniciativas contempladas neste eixe.

Na quenda de intervencións, o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución manifestou a súa ledicia porque a UVigo conte cun plan de internacionalización, pero expresou o seu desacordo con que a certificación das linguas para o alumnado resida no Centro de Linguas, “diriximos teses pero non podemos certificar que o noso alumnado pode falar nesas linguas”, lamentou, ao tempo que denunciou a  “exclusión” da facultade á hora de impartir cursos de lingua e cultura española e galega ao estudantado estranxeiro. “Hai cousas que deben ser melloradas e utilizar os recursos propios da UVigo”, dixo José Montero Reguera. Pola súa banda, a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Rebeca P. Díaz demandou melloras na dotación de persoal da Oficina de Relacións Internacionais, así como a modificación algúns indicadores para mellorar cuestións como a valoración da competición lingüística. O Plan finalmente foi aprobado por asentimento logo do compromiso adquirido polo reitor de modificar a redacción dos puntos aos que aludiu o decano da FFT, de xeito que se recolla explicitamente as certificacións e formación e español e galego  impartida no centro. En canto á situación da ORI, o reitor recoñeceu que a UVigo “sofre o movemento de terras do concurso de traslados”, ao tempo que agradeceu o traballo do PTXAS e expresou o seu desexo de ter un servizo “máis profesionalizado”.

Unha vez aprobado I Plan de Internacionalización, a vicerreitora presentou os indicadores dos dous últimos cursos que acompañan ao documento e nos que se confirma unha positiva progresión en case todos apartados analizados. Así, en relación coa cooperación internacional destaca o incremento no establecementos de convenios de colaboración que pasaron de 3140 no curso 22-23 a preto de 3500 o curso pasado. A UVigo tamén duplicou o número de dobres graos e mestrados internacionais e o número de teses con mención internacional que pasaron de 42 a 73. En canto á mobilidade, incrementouse o número de estudantes saíntes a través de proxectos Erasmus de 441 a 522, así como o de entrantes de 340 a 367, destacando tamén o número de PDI entrantes, que pasou de 0 a 20 e o de  PTXAS que tamén se incrementou de 0 a 11. Nos indicadores do eixo de plurilingüismo e multiculturalidade, aumentou o número de materias impartidas en lingua estranxeira, que pasaron de 266 a 278, así como o número de participantes no Tándem lingüístico que subiron de 50 a 85. Con respecto á atracción de talento internacional, cómpre destacar o aumento do estudantado internacional de mestrado, que medrou de 166 a 451 e de doutoramento, que pasou de 217 a 455. No grao tamén se rexistrou unha subida, pasándose de 63 a 112

O reitor informou sobre os avances na licitación do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

Nesta primeira sesión ordinaria do Consello de Goberno do 2025 o reitor, Manuel Reigosa, adiantou no seu informe que o proceso da nova licitación da construción do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo xa se atopa na última fase. Despois de que a primeira proposta realizada pola UVigo, que contemplaba un custo total con IVE de arredor de 8,3 millóns de euros, quedase deserta o ano pasado, esta nova licitación, segundo avanzou hoxe Reigosa, será de aproximadamente dous millóns de euros adicionais. “Agardamos que poidamos ter éxito nesta ocasión e que este ano non só vexamos as grúas no campus de Ourense senón que se avance bastante no edificio”.

Ademais de repasar algúns dos principais acontecementos das últimas semanas, o reitor tamén anunciou un acordo para o plan piloto de teletraballo, que se vai realizar coa Área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións, ATIC. “Estanse negociando os últimos datos e agardamos que sirva para outros eidos nos que, no futuro, se poida facer teletraballo”. No seu informe tamén fixo fincapé na creación de axudas de estudo propias para persoas procedentes do sistema de tutelas e remarcou que “estamos orgullos de que a UVigo sexa pioneira neste tipo de medidas”. 

Por outra banda, Reigosa agradeceu o traballo realizado a Rafael Durán, que deixa de ser decano comisario da futura Facultade de Enfermaría e será substituído por Iris Machado de Oliveira, á que desexou “os mellores éxito para o que vén”. Tamén se referiu á sinatura do novo convenio da Cátedra Ardán, con máis dotación económica que en edicións anteriores, e á reunión mantida coa Asociación galaico-árabe Jenin. A este respecto, Reigosa explicou que a institución olívica agarda “poder ten en breve algún convenio bilateral con universidades gazatís” para acoller estudantado palestino na UVigo.

Finalmente, tamén salientou Reigosa os resultados acadados pola institución no THE World University Rankings by Subject 2025, no que se posiciona entre as 400 mellores universidades do mundo en Ciencias Agrícolas e Forestais, Ciencias do Deporte, Bioloxía e Dereito. “Non é sorpresa que no traballo que facemos no día a día teñamos institutos nestes eidos” e destacou a futura creación dun Instituto de Ciencias do Deporte, “que agardamos poder formalizar neste ano”.

Nova normativa para a elaboración do POD 

O Consello de Goberno deu luz verde hoxe a unha nova Normativa para a elaboración do Plan de Organización Docente, POD, que substitúe á anterior, e que está dividida en dous grandes bloques: a elaboración inicial do Plan e outro centrado en que ocorre se cómpre modificar o POD durante o curso. “É unha normativa máis clara, na que se fai valer o dereito que ten o profesorado contratado doutor, persoal permanente laboral e axudantes doutores a impartir horas extras durante o curso, ata un máximo de 80, e unha remuneración por hora extra, que non aparecía en normativas anteriores, pero si está contemplada no convenio colectivo dende 2009”, explica a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Adela Sánchez, que destaca que a UVigo actualizou o valor da hora extra, algo que non se fixo nas outras universidades do SUG. Doutra banda, a nova normativa clarexa a posición do persoal investigador posdoutoral que queira impartir docencia, que tanto no caso deste colectivo, como no dos predoutorais é potestativa, ata un máximo que indique a súa convocatoria ou a Lei da Ciencia. “Pero se o persoal posdoutoral quere impartir as 100 horas de docencia, no caso dos Ramón y Cajal ou investigador distinguido, pode dar docencia en solitario e aquí recoñéceselle ese valor e pídese que os departamentos artellen as medidas necesarias para que favorezan que poidan dar esa docencia en solitario”, detalla Sánchez Moreiras, que tamén explica que se fai unha supervisión máis cercana do persoal predoutoral, especificándose que só poder dar docencia en simultaneidade cun PDI permanente.

A Normativa elimina, así mesmo, algunhas cuestións que, segundo a vicerreitora, xeraban algunhas incongruencias en normativas anteriores. “Tentamos adaptala á LOSU e á Lei da Ciencia facendo dous bloques que quedaran moi claros: como se ten que repartir a docencia cando se fai o POD do departamento, que é en marzo ou abril do curso anterior,  e logo, se hai algunha situación sobrevida durante o curso como temos que comportarnos e aí xa entra, por exemplo, o profesorado substituto a tempo completo para baixas, excendencias, servizos especiais e demais; entra o profesorado visitante e todas as figuras de profesorado que se pode contratar nestes casos”, detalla. Así mesmo, recóllese como algo moi puntual o feito de impartir horas por riba da capacidade docente e que se recoñeza o ano seguinte, “porque nalgúns casos ese déficit era estrutural e facíasenos bola de neve e a verdade é que preferimos pagar horas extras a persoas que están formadas e pasaron un proceso selectivo como contratados doutores”.

As intervencións posteriores á exposición da vicerreitora centráronse na figura dos e das asociadas sobre a que membros do Consello como Jacobo Porteiro, María Concepción Paz ou Carmen Ruíz manifestaron as súas dubidas en relación coa súa continuidade. “Cómpre adaptarse á LOSU do xeito máis comprensible”, dixo o reitor, que tamén recoñeceu que o intento do Ministerio de Hacienda “de facelos desaparece non é bo, pero cómpre ter coidado”, ao tempo que lembrou que o substituto a tempo parcial é o novo asociado.

En canto á convocatoria de anos sábaticos aprobada hoxe non se mudou nada respecto da anterior, podendo solicitarse ata o vindeiro 18 de febreiro. 

Avanza a tramitación das novas simultaneidades da Facultade de Ciencias

No relativo ás novas titulacións, durante a sesión deuse  luz verde á tramitación das propostas de dous novos programas de simultaneidade para o vindeiro curso na Facultade de Ciencias, dos que xa se aprobara a súa declaración de interese o pasado mes de decembro: Enxeñaría Agraria e Ciencias Ambientais e Enxeñaría Agraria e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. As propostas enviaranse agora á Secretaría Xeral de Universidades, que será quen deberá dar o seu visto e bo definitivo para que poidan implantarse en setembro.

Con 6 prazas previstas para cada unha das simultaneidades, o alumnado que as supere obterá os dous títulos oficiais de graduado/a en Enxeñaría Agraria e en Ciencias Ambientais, nun caso, e graduado/a en Enxeñaría Agraria e en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, no outro. A duración das simultaneidades -10 ou 11 cuadrimestres- dependerá do itinerario que elixa cada unha das persoas matriculadas.

 Tal e como explicou o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, no caso do Grao en Enxeñaría Agraria é necesario facer unha das dúas mencións que oferta o título -Hortofloricultura e Xardinería ou Xestión Ambiental-, mentres que en Ciencias Ambientais non é preciso facer mención,  “por iso o número de créditos e cuadrimestres para obter ambas titulacións dependerá da combinación de mencións dos dous títulos ou a combinación dunha das mencións de Enxeñaría Agraria cos estudantes que non fan ningunha mención en Ciencias Ambientais”. No caso da simultaneidade de Enxeñaría Agraria con Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos a dispoñibilidade de combinacións é menor, xa que nesta titulación só teñen unha mención -neste caso en Enoloxía-.

A maiores desta cuestión tamén se aprobou a modificación do curso de iniciación á formación para a docencia universitaria, cambios dirixidos, segundo explicou Lago, a reducir o número de créditos para adaptalo á carga docente que ten o profesorado axudante doutor -obrigado a realizalo-, así como para ter en conta as posibles convalidacións ao currículo de cada un dos participantes.

Por outra banda, tamén se aprobou un modelo común de convenio de colaboración entre as tres universidades galegas que reduce a burocracia na tramitación dos programas de doutoramento interuniversitarios.

Actualización dos prezos das residencias

O Consello tamén aprobou a actualización dos prezos das residencias de estudantes para o curso 2025/2026, que se incrementarán consonte ao IPC interanual de decembro de 2024 (2,8%) máis a parte da matrícula a repercutir en 3 anos , a contar dende o curso 2024/2025 (57,30 €). Deste xeito, no campus de Vigo, no Complexo residencial universitario O Castro, a habitación individual terá un prezo de 386,25 € e a habitación individual con cociña compartida de 386,25 €. No campus de Ourense, no Complexo residencial universitario As Burgas, a habitación individual custará 386,25 €, a habitación individual con cociña compartida 386,25 €, a habitación en estudo dobre 299 € e habitación individual superior 528 €.

Ademais, nesta sesión tamén se deu o visto bo ao regulamento de réxime interno do Departamento de Química Orgánica.