Coa declaración do 11 de febreiro como Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia, a ONU busca lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas. Co gallo desta celebración, o CiQUS organiza unha xornada de posta en valor do traballo das súas investigadoras e así ofrecer a estudantes de bacharelato referentes femininos no ámbito científico.
Deste xeito, o luns 10 de febreiro terá lugar o encontro CientífiQas: ciencia feita por mulleres no CiQUS no que as mulleres científicas do CiQUS explicaranlle ás persoas participantes a investigación que realizan dende os seus laboratorios. A maiores, o alumnado tamén poderá percorrer as instalacións e coñecer o equipamento científico do centro.
O programa comeza ás 10.00 cunha benvida por parte da directora adxunta do CiQUS, Dolores Pérez, para logo ter o encontro coas investigadoras e os seus proxectos. Así, coñecerán as iniciativas Un Lego molecular para construír moléculas grafénicas a cargo de Dolores Pérez, Silvia Castro, Ana Rita Monteiro, Valentina Malavé e Lucía Gómez; Nano-ferramentas en acción: transformando a bioloxía e a medicina por Ester Polo, Giulia Zampini e María Aguilera; Científicas ConCiencia – do matraz á vida, con María Tomás, Alba Casas Pais, Cinzia D’Avino, Uxía Deus Lorenzo, Laura Goicoechea Crespo, Clara López de Aguilera Bustero, Celia Mayer Mayer, Laura Parada Pérez, María Puente Calvo, Ximena Sánchez Iglesias, Alejandra Vale Gómez e Lara Villarino Palmaz; e Antibióticos de Precisión – do Deseño á Práctica, un proxecto de Concepción González (IP), Mª Carmen Outeiral Valiño e María Maneiro Rey.
Paralelamente, haberá visitas ás instalacións a cargo de Celia Mayer, responsable de Microscopía Avanzada, e Arcadio Guerra, responsable de Equipamento Instrumental.