O Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) da USC pon en marcha este mes unha nova edición do curso de Formación Básica en Voluntariado e Cooperación Internacional, ideado para proporcionar unha base sólida sobre os principios do voluntariado e facilitar ferramentas prácticas para unha participación efectiva nos proxectos sociais. Desenvolverase entre o 7 e o 27 de febreiro e xa se pode realizar a inscrición.
A iniciativa pretende non só mellorar a calidade do labor voluntario senón tamén fomentar unha maior conciencia crítica e ética na intervención social. Tal e como explican dende o SEPIU, “a falta de coñecemento sobre os principios e valores do voluntariado, os dereitos e deberes das persoas voluntarias, así como sobre os contextos e desafíos da cooperación internacional, pode limitar a efectividade das accións emprendidas”. “Unha intervención eficaz -sentencian- require formación específica que dote ás persoas voluntarias das competencias necesarias para actuar con responsabilidade co fin de obter un impacto positivo”.
O curso realizarase mediante a plataforma Moodle do Campus Virtual da USC co recoñecemento de 2 créditos de obterse cando menos un 50% da nota total. O programa estrutúrase en nove módulos temáticos que se irán abrindo progresivamente a medida que se vaian completando as avaliacións de cada un deles: Introdución ao Voluntariado e Cooperación Internacional, Desenvolvemento ao longo da vida, Voluntariado e Saúde, Atención á diversidade, Voluntariado e Interculturalidade, Voluntariado e Medio ambiente, Desenvolvemento comunitario, Tecnoloxías e Voluntariado cultural.