O grupo de investigación Terceira Xeración (TeXe) do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC lidera o proxecto europeo Camiño de Santiago: Camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europeo (CAXATO), que ten por obxecto que persoas maiores de 50 anos sexan parte dunha experiencia formativa orientada a mellorar as súas competencias artísticas, sociais, dixitais e de sustentabilidade co Camiño de Santiago como marco.
Ademais do grupo TeXe, CAXATO conta coa participación de cinco socios especialistas en educación de persoas adultas de Francia, Italia e España: o Centro Italiano per l’Apprendimento Permanente (CIAPE); o Institut de Recherche Jacquaire (IRJ); SocialDocs a través do seu programa De Maior Crea; a Fundación Universidade de La Rioja, e a European Grants International Academy (EGInA).
Os resultados do proxecto preséntanse estes días no Centro de Estudos Avanzados nun congreso internacional no que persoas especialistas na materia reflexionarán en torno á Educación de Persoas Adultas (EPA). Ademais, tamén como resultado da iniciativa, terá lugar a proxección dun documental que recolle o que esta experiencia representou para as persoas participantes e unha peza audiovisual realizada por un dos membros do programa De Maior Crea, socio do proxecto.
O Congreso Internacional de Educación de Persoas Adultas inaugurouse este xoves nun acto no que participaron a vicerreitora de Cultura e Estudantes, Pilar Murias García; o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta de Galicia, Antón Acevedo Prado; e a coordinadora do Proxecto Caxato da USC, Esther Olveira Olveira. A conferencia inaugural correu a cargo de José Arnay Puerta, da Universidade de La Laguna, que conta cunha extensa traxectoria académica no ámbito da EPA, os Programas Universitarios para Persoas Maiores e a súa relevancia para un envellecemento activo.
O encontro reunirá numerosos especialistas en políticas de maiores do ámbito autonómico, europeo e de educación superior, ademais de contar coa experiencia do Institut de Recherche Jacquaire, asociación de maiores dedicada á promoción e o coñecemento do patrimonio xacobeo e socia de CAXATO, ou de alumnado sénior participante no proxecto para falar acerca das súas vivencias e aprendizaxes.
Para dar peche ao evento, entablarase un diálogo acerca da relevancia do patrimonio do Camiño de Santiago, as súas posibilidades educativas e o que representa traballar con maiores desde a docencia. Haberá catro obradoiros: Creación de vídeos con dispositivos móbiles (SocialDocs); Investiga co teu smartphone (Ecos do Sur); Aspectos prácticos para emprender o Camiño (IRJ); e Información manipulada e lectura crítica: claves para identificar e frear a desinformación (AGARESO).