Nunha sesión extraordinaria, e primeira do ano 2025, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou este venres a relación de persoas distinguidas cos Premios Extraordinarios de Doutoramento do curso 2023/2024. En total, 21 investigadores e investigadoras (13 homes e 8 mulleres) de todos os eidos de coñecemento.
No ámbito das humanidades foron galardoadas tres persoas: Iria Seijas Pérez, Jesús Meiriño Gómez e Antía Iglesias Fernández. No eido das ciencias son seis as e os premiados: Amaro Saco Beiroa, Antía González Pereira, Clara Otero Martínez, Pablo Hernández Lucas, Carlos Rafael Vidal e Manuel Alejandro González Fernández. No campo da enxeñaría os cinco galardóns son para Laura Alonso Martínez, Iván Martínez Estévez, David Candal Ventureira, Manuel Casar Guisande e Brais Barros González. Finalmente, no que atinxe ao eido xurídico-social, os premios son para Evelia Murcia Álvarez, Nuno André Pinto de Sousa, Dolores Fiel Varela, Marta González González, Lucas López Manuel, Hugo Pérez Manuel e Andrés Carrera Hortas.
Nesta sesión tamén se deu o visto bo á inclusión de dous premios de doutoramento máis, desta volta, correspondente á convocatoria do curso 2022/2023. Como explicou o reitor, Manuel Reigosa, son ambos do eido da enxeñaría e arquitectura e outórganse “tras quedar dúas vacantes por varios recursos presentados e que acaban de ser resoltos pola comisión”. Deste xeito, pasan a obter un Premio Extraordinario de Doutoramento curso 2022/2023 Carolina Acuña Alonso e Ana Novo Gómez.
O martes, acto institucional de San Tomé
Estes premios aprobados hoxe, xunto con outras distincións académicas, entregaranse o vindeiro martes 28 de xaneiro o acto institucional para conmemorar o patrón da Universidade de Vigo, San Tomé de Aquino. O evento, como é habitual, terá lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a partir das 12.00 horas e nel entregaranse os Premios Extraordinarios de Doutoramento do curso 2023-2024, xunto cos Premios Extraordinarios de Grao do curso 2023-2024, aprobados nun Consello de Goberno anterior, que comprenden 55 distincións (33 mozas e 22 mozos), das cales 13 son para estudantes do campus de Ourense; 13 para Pontevedra e 33 para alumado do campus de Vigo.
A estes galardóns hai que sumar a entrega dos premios aos estudantes cos mellores expedientes de novo ingreso, tanto de grao (40 alumnas e 20 alumnos) como de mestrado (9 alumnas e 6 alumnos) neste curso 2024/2025, e dos oito Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e mestrado e teses.
A celebración, que poderá seguirse en directo a través da canle 1 de UVigoTV, arrancará coa entrada da comitiva e unha breve intervención musical, á que lle seguirá a apertura do acto por parte do reitor, Manuel Reigosa, e a intervención da secretaria xeral, María José Bravo Bosch, que será quen dea lectura aos nomes das e dos estudantes premiados. Tras a entrega de medallas, a cerimonia completarase co discurso do reitor e coa actuación musical do Coro sénior do campus de Vigo.
O día 27, festivo na Universidade de Vigo
A celebración do acto de San Tomé deste curso coincide coa propia data da efeméride, pero o festivo trasládase ao día anterior, o luns 27, data na que as instalacións da Universidade de Vigo nos tres campus permanecerán pechadas.