María José Ginzo recolleu o Premio á Mellor Tese en Humanidades Dixitais

Analizar a distribución xeográfica dos apelidos para estudar os movementos da poboación, centrándose en Galicia e ampliando a análise a outras rexións españolas, é o obxectivo da tese Técnicas estadísticas en geolingüística. Modelización onomástica, da profesora da Facultade de Matemáticas e membro do CITMAga María José Ginzo Villamayor, que lle valeu o III Premio á Mellor Tese Doutoral en Humanidades Dixitais da Sociedade Internacional de Humanidades Dixitais Hispánicas (HDH) e a Fundación BBVA, cuxa cerimonia de entrega se celebrou este xoves.

María José Ginzo desenvolveu na súa tese ferramentas estatísticas avanzadas e técnicas dixitais innovadoras para examinar máis de 160.000 apelidos e representou as súas conclusións en diversos mapas e gráficas, unhas conclusións antes ocultas nos datos dos apelidos e que ademais foron validadas polo Instituto da Lingua Galega. Por esta investigación, que contribúe a comprender mellor a relación entre a lingua e o contexto humano, lle foi concedido este importante galardón.

Na cerimonia de entrega, a directora de Relacións Institucionais da Fundación BBVA, Silvia Churruca, manifestou que “a diferenza do coñecemento básico, a tecnoloxía non é un fin en se mesmo, pero é un factor que non só facilita senón que amplifica exponencialmente o potencial de calquera das áreas nas que se aplica. Esa capacidade transformadora obsérvase dunha maneira destacada no campo de coñecemento que é obxecto deste premio”.

Pola súa banda, a presidenta da HDH, Fátima Díez Platas, destacou que o premio “pon de relevo o carácter innovador dos saberes humanísticos coas metodoloxías dixitais e as ferramentas tecnolóxicas para abordar cuestión relevantes no ámbito científico e para a súa aplicación na nosa sociedade contemporánea”. “O saber humanístico, auxiliado e transformado polas capacidades crecentes da tecnoloxía e as posibilidades do entorno dixital, adquire, así, novos sentidos e atopa unha vía para producir un impacto real na sociedade e contribuír a algo que nos atinxe especialmente: comprender e interpretar o que comezamos a chamar ‘a paisaxe humana’”.

Estudar os apelidos para entender as migracións
O traballo de María José Ginzo ten como obxectivo construír rexións de apelidos en Galicia e analizar os patróns espaciais e espazotemporais que rexen a súa distribución, ampliando certas partes desta análise onomástica a outras rexións de España. A investigación galardoada, segundo indicou a acta do xurado no momento do fallo do premio, “combina o manexo dun gran volume de datos de diversos territorios de España coa visualización cartográfica”.

Así, a tese analiza os datos dos máis de 160.000 apelidos das case 40 millóns de persoas nadas en España e nalgún dos seus municipios en 2011. Como destacou Ginzo na conferencia pronunciada tras a entrega do premio, “é crucial utilizar ferramentas estatísticas adecuadas que permitan analizar as distribucións, patróns e tendencias espaciais e temporais dos apelidos coa fin de comprender mellor a súa evolución e a súa relación con distintos contextos sociais e culturais ao longo do tempo”.

“No estudo onomástico, os datos relativos a apelidos e nomes posúen unha carga histórica, cultural e xeográfica importante”, continuou a premiada, que tratou precisamente de desentrañar a relación entre os movementos da poboación ao longo das décadas coa maneira na que se agrupan os apelidos. “A análise dos patróns de apelidos proporciona información sobre a dinámica dos movementos da poboación a curto e longo prazo”.

Ademais de plasmar as súas conclusións en diversos mapas e gráficas que permiten visualizalas de maneira intuitiva, a investigadora desenvolveu unha biblioteca de software, publicada en código aberto, que facilita a reprodución dos resultados da tese e a aplicación das técnicas desenvolvidas a outras bases de datos.

A galardoada puxo o foco sobre a relación proveitosa que puido establecer na súa tese entre as humanidades e a estatística, “integrando métodos cuantitativos e cualitativos e demostrando que a colaboración entre campos do coñecemento é clave para abordar as preguntas máis apremiantes da nosa sociedade”.

Biografía de la premiada
María José Ginzo Villamayor licenciose en Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tras completar un posgrao en Estatística na Universidade de Oporto (Portugal), volveu á USC para cursar un mestradoi en Técnicas Estatísticas e a continuación traballou no seu Servizo de Consultoría Estatística do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización. 
 

A premiada, coa directora de Relacións Institucionais da Fundación BBVA e a presidenta da HDH. Foto: Fundación BBVA
A premiada, coa directora de Relacións Institucionais da Fundación BBVA e a presidenta da HDH. Foto: Fundación BBVA