A Facultade de Dereito celebrou este venres a festividade do seu patrón, San Raimundo de Peñafort, nun acto que presidiu o reitor da USC, Antonio López, e que contou coa asistencia de numerosas autoridades civís e académicas, como a decana da Facultade de Dereito de Ourense, o decano da Facultade da Coruña ou o secretario da Facultade de Ciencias Xurídicas de Vigo.
Na cerimonia, a decana da Facultade, a profesora Ana Gude, fixo fincapé na función formadora de futuros profesionais que ten asignada o centro, “que debe estar en sintonía coa realidade laboral actual e asegurarse de que a educación impartida estea aliñada coas necesidades do mercado”. Para iso, dixo, “é a nosa responsabilidade seguir apostando por unha oferta formativa de calidade para esta Facultade que seguramente nun futuro próximo ten que acompañarse da creación de novos dobres títulos de grao e de cursos de especialización”.
Profundou ademais nos retos aos que o dereito se terá que enfrontar este ano, “que requiren dunha visión innovadora e ética”. “A intelixencia artificial e a manipulación informativa transforman a nosa forma de vivir e aprender, pero tamén expoñen interrogantes fundamentais para o Dereito e a Criminoloxía: como garantir a transparencia e a xustiza en sistemas automatizados? Como protexer os dereitos fundamentais e a confianza cidadá nunha sociedade dixital?”, remarcou, á vez que sentenciou: “a tecnoloxía e a información non deben ser fins en si mesmos, senón ferramentas ao servizo dunha sociedade máis xusta e equitativa, onde a verdade e o ben común prevalezan”.
Democracia na era dixital
O acto contemplou ademais a participación da ex presidenta do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, Siofra O’Leary, que pronunciou a lección maxistral ‘Democracia, liberdade de expresión e dereito na era dixital’.
O’Leary foi directora adxunta do Centro de Estudos de Dereito Europeo na Universidade de Cambridge. En 2015 foi elixida xuíza de Irlanda no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos onde ocupou os postos de presidenta de Sección, vicepresidenta e presidenta, cargo este último que asumiu entre 2022 e 2024, converténdose na primeira muller da historia en presidir este órgano.
Insignias da Facultade
Como é tradición, no transcurso do acto fíxose entrega das Insignias da Facultade a quen leve 25 anos de servizos prestados no centro. Nesta ocasión, recibíronas a profesora contratada doutora de Dereito Civil María Belén Trigo García e a profesora titular da mesma área e directora do Departamento de Dereito Común, Marta Carballo Fidalgo. “En cada unha de vós vemos a paixón pola ensinanza e o compromiso coa Facultade; é unha honra contar co voso exemplo de vida profesional”, dixo a decana Gude na entrega.
Foi tamén merecedor da Insignia o profesor Fernando Adolfo de Abel Vilela, do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado, quen escusou a súa asistencia ao acto, no que ademais a secretaria da Facultade, Natalia Pérez Rivas, deu lectura á Memoria de actividades do centro correspondente ao curso 2023/2024.