O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC participa, a través do grupo de investigación ANTE, no proxecto europeo EPSULA, que aborda os problemas urxentes de exclusión social en comunidades vulnerables de áreas remotas e rurais en Ecuador e El Salvador mediante a creación dun entorno educativo que fomente a diversidade cultural, promova o patrimonio indíxena e fortaleza a cohesión social de xeito respectuoso co medio ambiente.
EPSULA (‘Preservando o patrimonio cultural para o empoderamento das comunidades vulnerables’) traballa na posta en valor do patrimonio indíxena tanxible e intanxible a través de gravacións auténticas que formarán unha colección coa que se elaborarán materiais educativos destinados a promover esa riqueza cultural. O obxectivo é desenvolver un portal multilingüe que compendiará ese patrimonio en perigo de desaparecer. Ademais, elaboraranse módulos educativos e capacitacións para favorecer o turismo sostible.
Ademais da USC, forman parte do proxecto as universidades europeas de Masaryk (Chequia) e Tampere (Finlandia) e as americanas Unicaes e Don Bosco (El Salvador) e as do Azuay e Politécnica Salesiana (Ecuador). Representantes de varias elas atópanse estes días na Universidade de Santiago para seguir avanzando no proxecto. Na primeira das reunións participou a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; o director do IDEGA e do grupo de investigación ANTE, Rubén Lois; Athena Alchazidu, da Universidade Masaryk de Brno (República Checa), directora do grupo de investigación que lidera o proxecto, así como docentes da Universidade de Tampere (Finlandia).
Os socios latinoamericanos recompilan, rexistran, transcriben e traducen materiais de comunidades indíxenas vulnerables, mentres que os socios europeos desenvolven o portal e os módulos educativos. Os socios locais poñen a proba estes recursos nas súas institucións e programas existentes, así como en talleres e capacitacións. Ademais, o papel da USC tamén é a coordinación dun Work Package sobre control de calidade do proxecto.