A Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, a través da súa Oficina de Captación Internacional, está a organizar estes días dous webinarios para presentar a oferta académica de mestrados oficiais da USC cara ao mercado latinoamericano. A iniciativa forma parte da estratexia de captación de estudantado internacional para o curso académico 2025-2026.
“Esta é xa a cuarta edición destes encontros para promocionar os mestrados oficiais para potencial estudantado procedente de América Latina, que sempre tiveron moi boa acollida”, salientou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. “A estratexia de captación que seguimos dende a Vicerreitoría está baseada na combinación de iniciativas presenciais e virtuais. A experiencia piloto dun evento dixital foi no ano 2021 coa presentación de programas de doutoramento, propiciada polo contexto da pandemia da COVID19, e o seu éxito aconsellou replicar o modelo”, engadiu López Couso.
Presentación por áreas de coñecemento
A USC conta na actualidade con 74 titulacións de mestrado oficiais pertencentes ás cinco grandes áreas de coñecemento, nos que están matriculadas un total de 2309 persoas, das que 461 son estudantes internacionais. Estes números dan conta da magnitude do estudantado estranxeiro en termos relativos e explica a organización destes seminarios nos que se dá información sobre os diferentes mestrados oficiais ofertados nas diferentes áreas de coñecemento.
Así, na sesión deste mércores 22 explicaranse os das áreas de Ciencias, Ciencias da Saúde e Enxeñaría e Arquitectura e na do xoves 23 os de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas. En todos eles participan preto de 50 persoas coordinadoras dos mestrados que abordaran cuestións relativas ao proceso de acceso e admisión, a duración dos estudos ou os trámites para a obtención de visados, entre outros asuntos.
Consolidación de iniciativas en liña
No primeiro trimestre deste curso académico a Oficina de Captación Internacional participou noutras tres iniciativas en liña, como o webinario de novembro organizado por Keystone Academic Solutions para promocionar os programas de posgrao da USC entre o estudantado latinoamericano.
A USC tamén estivo presente na edición en liña da European Higher Education Fair (EHEF), que combinou actividades presenciais celebradas en Manila (Filipinas) que permitiu que as universidades presentasen a súa oferta académica ao estudantado filipino e contactar directamente coas persoas interesadas.
Noutra das iniciativas en liña, esta vez dirixida ao estudantado indonesio, participaron a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, a directora-xerenta de Cursos Internacionais-USC, persoal técnico da Oficina de Captación Internacional ademais de representantes da embaixada española en Yakarta.
Participación en eventos presenciais
Na parte presencial, unha delegación da USC asistiu en setembro á feira de networking da Asociación Europea para a Educación Internacional (EAIE), celebrada en Toulouse e enfocada primordialmente ao mercado europeo.
No mes de novembro, persoal da Oficina de Captación Internacional participou nas xornadas de captación EuroPosgrados México e nun encontro coas universidades do Estado de Guanajuato, organizado conxuntamente pola Secretaría de Educación dese Estado e o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE).