A Facultade de Filoloxía mantén expostos ata o 31 de xaneiro os fondos bibliográficos de obras de Luís de Camões na Universidade compostelá, con motivo do quinto centenario do seu nacemento. Son máis de cincuenta exemplares que mostran a atención constante da USC a esta figura das letras portuguesas de orixe galega.
A exposición ‘Luís de Camões (1524-1580) nos fondos bibliográficos da Universidade de Santiago de Compostela’, aberta de luns a venres e enmarcada nos actos de conmemoración do 50 aniversario da Facultade, recibiu estes días a visita da responsable do Camões Instituto de Cooperação e Língua de España e Andorra, Filipa Soares, que estivo acompañada polo equipo decanal.
A montaxe recolle libros de diversos tempos, como primeiras edicións das Rimas; edicións do Instituto de Estudos Portugueses da USC da década dos 30 do século XX que inclúen textos camonianos; exemplares como os que no seu día utilizarían Sarmiento ou Murguía, na sua atención canonista, ou Gómez Tonel, Cornide, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Florencio Vaamonde «e tantas persoas que, ao longo da historia da Galiza, acudiron á súa obra para elaborar as súas propias composicións ou para desfrutar da súa lectura”, apunta o decano de Filoloxía Elias J. Feijó Torres.