Unha exposición en Fonseca exhibe pinturas de Tadahiko Horiguchi, un dos fundadores do anime xaponés e discípulo do ‘deus do manga’ Osamu Tezuka

Tadahiko Horiguchi (Osaka, 1943), tamén coñecido polo seu pseudónimo de pintor ‘Tokoitta’, é un dos primeiros e máis destacados creadores do anime xaponés e discípulo do ‘deus do manga’, o recoñecido Osamu Tezuka, ademais de ser un dos poucos que seguiu creando obras sen cesar ata os nosos días. Parte da obra deste importante creador exporase dende hoxe e ata o 28 de febreiro no Claustro Alto do Colexio de Fonseca grazas á colaboración entre a Universidade de Santiago e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas no marco da Cátedra para o Diálogo entre Culturas. Trátase de 28 pinturas de Horiguchi realizadas en diversos formatos e con diferentes materiais, como rotuladores, lapis de cores, tinta china, tinta de cores ou acuarelas. 

A mostra ‘A orixe do Anime na mirada de Tadahiko Horiguchi’ inaugurouna o reitor da USC, Antonio López Díaz, nun acto no que tamén participaron o presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim; o debuxante de anime, artista de vídeo e autor da mostra, Tadahiko Horiguchi, que o fixo por videoconferencia; o director e guionista de anime e compañeiro do artista Tadahiko Horiguchi, Ryosuke Takahashi; e a pianista xaponesa Mine Kawakami. Tamén se contou coa asistencia da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e do director da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, David Rodríguez. 

A exposición 
O día e a noite foron referencia no mundo da arte durante toda a súa historia. Tadahiko Horiguchi é un deses artistas que reflicten moi ben a importancia desa dualidade. As súas obras exploran temas relacionados coa natureza, a cultura e a vida cotiá, utilizando cores vibrantes e técnicas que capturan a esencia dos seus suxeitos, así como a importancia das diferentes luces que se dan ao longo do día. 

As cidades son protagonistas en moitas das súas creacións e tamén a tranquilidade do campo e a montaña, paisaxes que el mesmo denomina “camiños” e nos que ás veces deixa entrever figuras de nenos que simbolizan a pureza, a inocencia e a conexión coa natureza. Presta moita atención aos detalles, desde a textura das árbores ata o movemento da auga dos ríos, o que lle dá ás súas obras unha calidade case tridimensional, así como un enfoque na luz e a sombra que axuda a crear profundidade e realismo. 

A súa habilidade para transmitir emocións a través da pintura é similar á forma na que o fai na animación, creando conexións visuais e emocionais co espectador. O seu estilo artístico reflicte unha profunda apreciación pola estética xaponesa, combinando elementos tradicionais con influencias contemporáneas. 

A exposición estará aberta ata o 28 de febreiro, de luns a venres en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas. 

Horiguchi 
Tadahiko Horiguchi creceu con afección pola pintura e somerxeuse nesta arte ao óleo no club de arte do instituto ata que se matriculou na escola privada de Nishimura Shozaburo. Máis tarde uniuse á empresa de animación Studio Puppe onde quedou fascinado polo mundo da animación como aprendiz do director da compañía Renzo Kinoshita, animador de renome mundial. Nesta primeira etapa laboral, participou en moitas películas populares entre o público infantil da época, como Oba Q, Robotan, Big X ou Space Boy Soran

Con tan só 23 anos trasladouse a Tokio para incorporarse ao estudio Lotus de Kinoshita. Xa na trintena, e como freelance, participou no grupo de produción de animación Akabanten, dirixido por Ryosuke Takahashi. Sen deixar de crear animacións, nesta época tamén volveu ao debuxo de cadros e comezou a expoñer. 

Conferencia de Ryosuke Takahashi 
Como actividade complementaria da exposición, este mércores 22 terá lugar a conferencia ‘Unha viaxe en primeira persoa pola historia do anime xaponés: dende Astro Boy ata os nosos días’, que ofrecerá Ryosuke Takahashi no Salón Nobre do Colexio de Fonseca ás 19:00 horas. 

Desde un punto de vista persoal, Takahashi fará unha viaxe a través da historia do anime empregando varias das obras ás que contribuíu exemplo, explicando diferentes recursos e materiais destas creacións. Este é o caso de Astro Boy, a fantástica historia dun neno robot, con aparencia e sentimentos humanos, que xurdiu en 1952 como serie manga, creada por Osamu Tezuka, e que se converteu nunha serie de televisión xaponesa en 1963, con Takahashi como guionista na súa versión de 1980. Esta serie fíxose popular no estranxeiro e levou ao mundo a estética do anime.

Na inauguración participou o propio Horiguchi por vidfeoconferencia
Na inauguración participou o propio Horiguchi por vidfeoconferencia