A Xunta convoca as axudas de pago mensual de ata 800 € para vítimas de violencia de xénero ás que destina 5,4 M€

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das axudas coas que a Xunta seguirá a apoiar a independencia económica das vítimas da violencia de xénero con pagamentos mensuais de ata 800 euros. Estas achegas, que contan cun orzamento inicial de 5,4M€ e que poden solicitarse durante todo o ano, están destinadas a apoiar ás vítimas e dotalas das ferramentas necesarias para facilitar a súa autonomía. 

Esta prestación periódica supón unha achega de entre 200 e 800 euros para cada unha das beneficiarias, dependendo da súa situación persoal, do número de fillos ao cargo e da súa renda económica. As axudas están destinadas ás mulleres vítimas de violencia de xénero, de trata ou explotación sexual, así como a aquelas que sufriran violencia vicaria. 

Estas axudas periódicas constitúen unha das principais ferramentas coas que o Goberno galego presta apoio ás vítimas da violencia de xénero, que contan con outras tres liñas complementarias, como as axudas de pago único -dirixidas ás mulleres con dificultades na busca de emprego-; as de indemnización -que garanten que perciban as contías que lles corresponden por resolución xudicial-; e as destinadas de xeito específico a mulleres gravemente feridas, orfos/as e a vítimas da violencia vicaria.

Contratación por parte dos concellos

Ademais, o DOG tamén publica hoxe a convocatoria das axudas destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas. O orzamento, neste caso, é de 2,5M€. O ano pasado, un total de 50 concellos beneficiáronse desde achegas, que permitiron a contratación de 101 mulleres.

Esta liña de axudas, que se enmarca no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero,  tamén contribúe a que as vítimas de violencia de xénero acaden unha maior autonomía a través da súa independencia económica e do seu empoderamento, reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

Deja un comentario