O equipo decanal da Facultade de Filoloxía reuniu esta semana o seu comité consultivo para tratar diversas cuestións académicas e organizativas ademais de informar das previsións programáticas da celebración do 50 aniversario da creación do centro, que inclúen concertos, un libro conmemorativo e encontros con protagonistas actuais da cultura galega.
Á xuntanza asistiron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o xefe de zona Galicia-Asturias de Macmillan Education Iberia, Gabriel Anxo Botana Penas; os egresados do Grao en Filoloxía Clásica Iago Fraga Vilas e do mestrado de Lingüística Aplicada Pablo Montaña Prieto; o director do IES de Guitiriz, Xulio González Iglesias; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei; a directora da EOI de Vigo, Laura Torrado Mariñas, e Xosé Luis Villaverde Acuña como representante de Emprendia. Conforman ademais este comité, entre outras persoas, a subdirectora xeral de Arquivos e Museos, Carmen Calviño Rodríguez; o director de Praza.gal, David Lombao Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, e Xavier Freire Chico como representante da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre.
Entre as actividades de maior calado previstas na programación do 50 aniversario figura o concerto programado para o 26 de febreiro no Auditorio de Galicia no que, coordinado por Xurxo Souto, participarán artistas galegas/os que estudaron na Facultade de Filoloxía como Carlos Valcárcel (Projecto Mourente), César Morán, Pauliña, Samuel Solleiro, Miguel Mosqueira, Álex Charlón (filólogos de Ataque Escampe), Eladio Santos, Laura Lamontagne, Leo de Matamá, Uxía, Alfredo Dourado, Antón Reixa ou o propio Xurxo Souto.
Outra iniciativa destacada na programación do aniversario será un libro conmemorativo que, baixo a coordinación do xornalista Henrique Neira, recollerá a historia da facultade a través de documentos, declaracións e contribucións escritas de membros e ex membros do centro.
Realizado un primeiro chamamento á participación da actual comunidade da facultade, amplíase o prazo até o 31 de marzo para que todas as persoas que pasaron pola facultade poidan enviar as súas contribucións nun breve texto (200 palabras) que recolla algún asunto, episodio ou vivencia que queiran transmitir. O texto deberá ir acompañado dun título breve (entre unha e cinco palabras), do ano académico no que se quere que se engada a colaboración, do nome e cargo/profesión actual e na altura relativa ao feito narrado, e dunha imaxe do autor ou autora da época do sucedido ou da actualidade, sempre co ano no que foi tomada a instantánea.
Unha extensa programación
Na xuntanza informouse tamén de actividades xa realizadas como as catro primeiras conferencias de ex decanos e ex decanas da facultade ou as exposicións que, se ben fan parte das actividades ordinarias do centro, este ano están a ter unha relevancia especial. De feito, a próxima semana a responsable do Camões Instituto de Cooperação e Língua de España e Andorra visitará a exposición dos valiosísimos fondos bibliográficos na nosa universidade de obras de Luís de Camões, con motivo do quinto centenario do seu nacemento.
A elaboración de tres pezas audiovisuais destinadas fundamentalmente a centros de ensino e empresas, o congreso internacional ‘Unha Filoloxía para o século XXI. Pasado, presente e futuro’, encontros con escritoras e escritores e actrices e actores que estudaron na facultade e dous concertos nos que participarán actuais estudantes, profesorado e persoal de administración e servizos, nutren a programación que seguirá nos vindeiros meses.
Balance académico moi positivo
As persoas asistentes manifestaron a súa satisfacción pola demanda estable dos graos e mestrados ofertados na facultade, cun incremento importante do 50% no Grao de Filoloxía Clásica, así como pola intensidade da mobilidade saínte e entrante e a diversidade de prácticas existentes, incluíndo as de autoemprego coa AVTE da USC. Igualmente, fíxose fincapé na cada vez maior e máis frutífera relación e integración cos barrios de Vista Alegre e de Vite.