A Facultade de Matemáticas acolle, un ano máis, as probas da Olimpíada Matemática Galega 2025 ás que concorren 144 estudantes de toda Galicia, procedentes dende estudos de Bacharelato e segunda etapa da ESO, para acceder aos tres postos do equipo galego para a Fase Nacional da LXI Olimpíada Matemáticas Española que se celebrará en Xixón o vindeiro mes de marzo.
Nestas probas, que se desenvolverán ao longo deste venres 17, deberán resolver seis problemas nos que, como explica o coordinador da competición na fase galega e profesor de Matemátias Felipe Gago, “o enxeño e a creatividade xogan un papel importantísimo cara á súa resolución”. Ás 20.30 horas está previsto que se dean a coñecer os nomes das tres persoas recoñecidas coas tres medallas e as mencións de honra nun acto que presidirá a decana da Facultade, Elena Vázquez Cendón. Tamén participarán os directores dos tres departamento con sede no centro.
As probas a nivel nacional son organizadas pola Real Sociedad Matemática Española e teñen por obxecto a selección do equipo que representará a España nas competicións internacionais, a International Mathematical Olympiad e a Olimpiada Iberoamericana de Matemáticas, así como a European Girl Mathematical Olympiad. En Galicia, a organización das probas corre a cargo da Asociación Eduardo García-Rodeja, que honra a quen se encargou durante 35 anos das probas en Galicia.