Abre o prazo para solicitar a participación nos Encontros na Zona USC do Campus de Santiago

Os Encontros na Zona USC volverán ser en febreiro punto de achegamento para estudantes de ensino medio de toda Galicia. No caso do Campus de Santiago, os centros xa poden formalizar a solicitude (ata o 29 de xaneiro) para participar nos encontros que terán lugar entre os días 4 e 7. En Lugo a actividade será os días 25 e 26 do vindeiro mes, co prazo de inscrición entre o 11 e o 19.

Estes Encontros aproximan o estudantado preuniversitario ás facultades, escolas e servizos da USC, alén de ofrecerlle a oportunidade de recibir información sobre a oferta de estudos de grao. Cada estudante poderá elixir un percorrido, de entre os quince ofertados, en función das súas preferencias iniciais de maneira que visitarán aulas, laboratorios e outros espazos dos centros nos que se imparten os graos da súa preferencia.

Durante o pasado curso académico, nestas xornadas de portas abertas participaron en Santiago máis de 5.200 persoas procedentes dun cento de centros de ensino medio. Ao campus lucense acudiu un milleiro de estudantes dunha vintena de centros.