Lugo
Os sistemas socio-ecolóxicos dos montes veciñais cambiaron de maneira forzosa durante o século XX, identificándose diversos procesos de resistencia por parte das comunidades locais. Así se constata no estudo de caso relativo a Ponteareas realizado polo profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, Damián Copena, no artigo ‘«No había más que tojos». Transformaciones socioeconómicas y resistencias en el monte vecinal de Galicia durante el siglo XX’ , que veu a luz en Áreas. Revista Internacional de Ciencias Sociales.
O estudo aborda, utilizando o marco dos sistemas socio-ecolóxicos, as mudanzas derivadas da forestación imposta por parte da Administración pública. As plantacións públicas con especies de crecemento rápido inícianse en Ponteareas no ano 1911, moito antes da chegada do franquismo, a partir da creación do viveiro forestal de Ribadetea. “Estes feitos provocan diferentes procesos de resistencia, orixinados dende a poboación local que ve limitado o uso dun recurso vital para o mantemento do sistema agrario”, explica o profesor Copena.
A chegada do franquismo provocará un maior impulso do forestalismo forzado por parte do Patrimonio Forestal do Estado con plantacións de piñeiros e eucaliptos. Este rápido proceso transforma completamente, en apenas unhas décadas, o monte veciñal, “disociando definitivamente o complexo agro-monte”, engade o profesor que pertence á Área de Historia e Institucións Económicas do Departamento de Economía Aplicada da USC.
Dificultades
O profesor do Campus de Lugo, membro do Grupo de Estudos de Historia Empresarial e Sectorial. Pesca, Industria Comercio (GESPIC) e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), analiza tamén os procesos de recuperación dos montes veciñais de Ponteareas a finais dos anos setenta e principios dos oitenta. “Esta recuperación non está exenta de conflitividade veciñal, con diferentes protestas e movementos organizados, contando coas resistencias por parte da administración local que trata de dificultar o proceso”, relata o investigador do Campus Terra. No traballo móstrase como o regreso dos terreos colectivos ás comunidades locais se atopa con grandes dificultades nun contexto que favorece a sinatura de convenios coa administración autonómica para continuar co ciclo forestalista.
Os montes veciñais cambian a súa utilidade e convértense, na parte final do século XX, nunha ferramenta de xestión colectiva que permite obter recursos económicos destinados a actuar nas aldeas que contan con esta figura, favorecendo a xeración de emprego e o fortalecemento do uso social, tal e como se amosa cos exemplos identificados nas comunidades de montes de Ponteareas.