A Xunta analiza coa Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao vías de colaboración a prol da súa formación e cualificación profesional

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reuniuse hoxe con representantes da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, encabezadas pola súa presidenta, María Jesús González, para analizar posibles vías de colaboración a prol da súa formación e cualificación profesional e para coñecer os proxectos que a federación ten previsto desenvolver este ano. Na xuntanza tamén se abordaron aspectos relativos á prevención de riscos laborais no sector e púxose de relevo o apoio do Goberno galego a este colectivo.

Dentro deste apoio destacan accións como as campañas de sensibilización que desenvolve o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) neste sector e, no eido da artesanía, iniciativas como o proxecto Enredadas, que busca facilitar ás redeiras novas oportunidades de negocio e reforzar a súa estabilidade laboral a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración. Na reunión tamén estiveron a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado; o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.

Deja un comentario