O patrimonio universitario conforma unha parte fundamental da zona histórica e monumental de Compostela, corazón da cidade declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Dende hai dúas décadas, a Universidade de Santiago conta cun programa de visitas guiadas ao seu patrimonio na cidade histórica que ten por obxecto achegar os seus tesouros artísticos a toda a cidadanía e así contribuír á súa posta en valor.
Nesas visitas, as persoas visitantes percorren os espazos máis emblemáticos da USC como o Colexio de Fonseca e o Colexio de San Xerome, situados ao carón da Catedral, ou a actual Facultade de Xeografía e Historia; lugares todos eles fundamentais para comprender a historia da Universidade de Santiago de Compostela, pero tamén da cidade e de Galicia.
E se ben son visitantes que chegan á nosa cidade quen se interesan maioritariamente por estes percorridos, este programa universitario naceu tamén coa pretensión de que a cidadanía compostelá coñecese mellor a súa propia historia, unhas expectativas que se están a cumprir. Non en van, este Nadal pasado púxose en marcha unha convocatoria especial de visitas guiadas dirixida á comunicade universitaria na que en tan só sete xornadas participaron preto de 260 persoas.
Todas e todos coñeceron así lugares como a Biblioteca América, o Claustro alto de San Xerome ou o Paraninfo da Universidade, emprazamentos non accesibles de cotío, ou tesouros como facsímile do libro máis antigo de Santiago: o Libro de Horas de Fernando I de León.