Tras once anos dende a primeira certificación, o selo USC Editora, unha marca editorial propia dentro de Edicións USC, vén de renovar a súa certificación segundo a norma ISO 9001:2015 de sistemas de xestión da calidade. Neste período, o catálogo da marca foi medrando con algúns títulos especialmente significativos pola súa proxección e impacto, mesmo internacional, como o ensaio La génesis de la lógica, do catedrático catalán doutor Honoris Causa pola USC Enric Trillas, recentemente traducido a inglés e publicado por Springer Nature.
O informe da última auditoría de AENOR realizada ao selo universitario salienta como puntos fortes o uso de ferramentas informáticas de última xeración para a xestión editorial integral na nube (Open Monograph Press, OMP) e os excelentes resultados das enquisas de satisfacción, que implican autores, avaliadores e distribuidores.
Para o director de Edicións USC, Juan L. Blanco Valdés, “ter conformado en once anos un catálogo de case cincuenta títulos das máis variadas temáticas e tratamentos, dentro dun sistema baseado no máis esixente proceso de avaliación por pares, é un caso de éxito que, ademais de evidenciar as razóns polas que a editora universitaria fai filas no ránking SPI coas dez mellores editoras universitarias españolas, pon de manifesto un equipo humano profesional, cohesionado e fortemente comprometido cunha dinámica de mellora continua”.
USC editora
USC Editora é un selo comercial creado en 2009 e rexistrado como marca europea que dá cabida a nove series editoriais (Académica, Clave, Ensaio, Manuais, Textos, Cuadernos de Español como Lengua Extranjera, Verba Anexos, Lucus Lingua e Lucus Littera) sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta, ademais, cun elenco estable de 23 editores internos, que someten os orixinais a unha avaliación previa. USC Editora garante o nivel das obras que se editan baixo a súa marca e constitúe un compromiso de prestixio, recoñecemento e calidade editorial.
O selo está aberto a persoas autoras e investigadoras de todas as universidades, aínda que dá prioridade a orixinais provenientes da Universidade de Santiago de Compostela. Certificado dende 2014 coa norma UNE-EN ISO 9001:2015 como Sistema de Xestión da Calidade, no cadro das esixencias do sistema, auditado anualmente, establécense obxectivos que son revisados permanentemente e que buscan mellorar de forma continua a eficacia e eficiencia dos procesos que rexen o selo.