A Xunta destina preto de 130.000 € ao servizo de análise sanitaria de poboacións piscícolas dos ríos galegos

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2025

A Xunta de Galicia vén de licitar o contrato para manter o servizo de análise sanitaria da ictiofauna dos ríos e dos centros ictioxénicos da Administración autonómica durante os anos 2025 e 2027 por un importe de preto de 130.000 euros.

O contrato permitirá ofrecer o servizo de avaliación de riscos e análise de mostras para a vixilancia e control do estado sanitario das poboacións piscícolas dos ríos, dos procesos patolóxicos que poidan afectalas e das condicións sanitarias dos centros ictioxénicos da Xunta.

Cómpre lembrar que os centros ictioxénicos da Administración autonómica son os que se atopan inscritos no Rexistro de explotacións gandeiras (REGA): os de Carballedo (Cerdedo-Cotobade), O Carballiño, O Veral (Lugo) e, dependendo deste último, o de Goó (O Incio).

Este tipo de análises permiten avaliar os riscos e a diagnose de patoloxías de orixe bacteriana, vírica, fúnxica ou parasitaria. Asemade, o contrato asinado tamén inclúe estudos toxicolóxicos no marco de investigacións de mortaldades acontecidas no medio natural.

Así, as analíticas que se realicen nos centros ictioxénicos consistirán no exame do estado sanitario dos reprodutores, do estado sanitario da produción con destino á repoboación e do estado sanitario do centro de cultivo como consecuencia de incidencias (mortaldades anormais, baixo rendemento, sospeitas de patoloxías, etc).

No que respecta ás poboacións piscícolas no medio natural, as análises a realizar consistirán en comprobacións periódicas do estado sanitario das poboacións salvaxes a partir de mostras obtidas no medio natural e da análise de mortaldades ou outras incidencias acontecidas no medio natural.

Por último, sinalar que este contrato para o servizo de análise sanitaria da ictiofauna dos ríos e dos centros ictioxénicos da Xunta de Galicia durante 2025 e 20227 está cofinanciado nun 60% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de  Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2021-2027.

 

Deja un comentario