Ribadeo (Lugo), 11 de xaneiro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na XIV Festa do comercio organizada pola Asociación de comerciantes, industriais, servizos e autónomos de Ribadeo (Acisa). Un acto co que culmina o ano no que a entidade conmemorou o seu 35º aniversario.
En presenza dos asistentes —incluído o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega—, Alén destacou a campaña que se vén desenvolvendo desde o pasado 5 de decembro co apoio do Goberno galego e que hoxe remata, co obxectivo de impulsar as vendas no tecido comercial ribadense tanto durante as festas do Nadal como no período de rebaixas que acaba de arrancar.
Nese senso, este sábado levouse a cabo un sorteo no que se repartiron 6.000 euros en vales de compra, entre outros premios. As persoas interesadas en participar só tiñan que mercar no comercio local de Ribadeo e cubrir as papeletas distribuídas —ata 180.000 nesta edición da iniciativa— co selo dos establecementos correspondentes.
Aproveitando o acto, o director xeral destacou a implicación de Acisa impulsando esta e outras actividades co fin de trasladar que a localidade mariñá é o mellor lugar para comprar e consumir todo tipo de produtos e servizos, animándoos a seguir por esta senda.