Coñecer os criterios de avaliación da convocatoria de sexenios é o obxectivo que persegue o obradoiro de busca de indicios de calidade que se desenvolverá ao abeiro do Plan Formativo do Campus Terra o próximo 16 de xaneiro e que se dirixe ao Persoal Docente e Investigador. O prazo de inscrición esténdese ata o 15 de xaneiro a través dun formulario en liña. Esta actividade formativa de carácter presencial terá lugar na Sala de Conferencias do Cactus de Lugo de 9.30 a 13.30 horas.
Entre os obxectivos específicos da sesión atópanse o aproveitamento dos recursos que ofrece a Biblioteca Universitaria da USC para a busca de indicios de calidade e impacto das achegas, a compresión do alcance do concepto de Ciencia Aberta no ámbito da avaliación da investigación, ou a práctica da busca de indicios de calidade dunha achega propia.
Partindo da presentación dos criterios da convocatoria de sexenios de 2024, que dá continuidade á convocatoria de 2023 (combinación de métodos cuantitativos e cualitativos e solicitude dunha narrativa xustificativa), explicaranse dous casos significativos de xustificación de indicios de relevancia e impacto (artigo de revista e capítulo de monografía). Na parte final do obradoiro cada participante practicará a busca de indicios sobre unha achega propia co asesoramento do persoal docente do obradoiro. O curso coordinado polo director da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, César Gómez Pérez, contará con Inés Amboage García e Lorena Gómez Méndez como docentes.