Lugo

“As novas estudantes deben ter referentes para visualizarse como profesionais técnicas se así o desexan”. Esta é a premisa sobre a que se asenta a actividade ‘Protagonistas, as enxeñeiras’ coa que a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo quere dar visibilidade a referentes femininas no seu ámbito de actuación e dar pulo ás vocacións científicas das nenas e mozas neste eido. No marco da semana na que se conmemora o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, a EPSE realizará o 14 de febreiro unha serie de obradoiros dirixidos a estudantes de 4º da ESO.

Tal e como subliñan dende a organización do evento, a porcentaxe de mulleres estudando titulacións de enxeñaría e tecnoloxía é, en España, do 13%. Ate agora, a tendencia global era de incremento da porcentaxe de mulleres nestas titulacións. Non obstante, nos últimos anos “vense detectando un descenso, o cal resulta preocupante dende o punto de vista de fomentar a presenza feminina en todas as profesións, especialmente nas técnicas”. Así, a presenza de mulleres nas carreiras técnicas caeu un 12% en 10 anos.

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría oferta en Lugo este tipo de estudos pero experimenta tamén esta tendencia global. “Segue a haber unha porcentaxe moi superior de homes matriculados, que no curso 22-23 roldaba o 80%”, destacan. Isto prodúcese nun contexto no que, segundo o informe PISA de 2023, “de novo os homes superan as súas compañeiras en ciencias e matemáticas en Galicia”, engaden.

Programa

Co apoio do Concello de Lugo e da Casa da Muller, a actividade ‘Protagonistas, as enxeñeiras’ acollerá unha serie de obradoiros sobre diversas temáticas que van dende o voo de drons, ‘Micro-Aliens’ contra as pragas, o esqueleto dos edificios, non malgastedes a auga, variando a velocidade, MITECO: a defensa do monte fronte a incendios, ou o desenvolvemento de produtos de madeira estrutural.

As profesoras implicadas nesta acción son Cristina Cabaleiro Sobrino, María Belén Feijoo Lombao, María Elena Fernández Rodríguez, María Dolores Fernández Rodríguez, María De La Luz Gil Docampo, María José López Villar, Helga Peral Varela, María Portela Barral, Ana Daría Ruiz Gonzalez, Mónica Ruy e María Teresa Teijeiro Rodríguez. Ademais, tamén interveñen as estudantes Maria Dolore Castilblanco Benavidez, Miriam Cortes Domínguez e Rocío López Juanes.